Sony faise cun 5 % das accións de Devolver Digital

Sony faise cun 5 % das accións de Devolver Digital

Devolver Digital acaba de iniciar o seu camiño na Bolsa de Valores de Londres cun valor inicial de 950 millóns de dólares —preto de 820 millóns de euros—, tal e como indican medios internacionais como GameIndustry ou o bufete de avogados Fieldfisher.

Semella que Sony ten certo interese nunha das editoras máis interesantes —e vándala— do momento, pois a web para investidores da empresa revelou que a compañía xaponesa realizará un investimento grazas que lle permitirá adquirir o 5 % da editora. Na práctica, a empresa seguirá sendo totalmente autónoma, pois os seus empregados continuarán sendo os accionistas maioritarios. NetEase ten, tamén, preto dun 8 % da editora.

Estes cambios, segundo o CEO de Devolver Douglas Morin, permitirán investir en «máis xogos marabillosos» e asociarse con estudios —compralos, en realidade— que antes non podían entrar na súa consideración, de igual xeito que están a planear un aumento de persoal. A día de hoxe contan con 200 empregados distribuídos en Europa, América e Asia.

Doutra banda, a compañía informou da adquisición de tres estudios: Dodge Roll (Enter the Gungeon), Nerial (Reigns) e FireFly Studios (saga Stronghold). A nivel público, polo comentado pola mesma editora, é sabido que Devolver ten nos seus plans publicar entre 12 e 15 xogos cada ano.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados