Actualidade Sony merca Bungie por 3.600 millones de dólares

Sony merca Bungie por 3.600 millones de dólares

Outra noticia de miles de millóns. Suma e segue. Sony Interative Entertainment anunciou a compra de Bungie por 3.600 millóns de dólares. O aviso chega dúas semanas despois da compra de Activision-Blizzard por parte de Microsoft, a operación máis cara da historia do medio.

Malia seren operacións radicalmente distintas, sen dúbida, Sony tamén saca músculo e comeza unha posíbel campaña de control de danos. Que ninguén se trabuque: esta compra non está influída pola realizada por Microsoft, desde logo non pola última, pois é enganoso —e bastante absurdo— pensar  que un movemento desta clase é estudado, realziado e rematado en dúas semanas.

Sexa como for, o estudio responsable de Destiny funcionará como «unha subsidiaria independente», dirixida por un consello no que se manteñen o actual CEO, Pete Parsons, e o resto da dirección.

Doutra banda, tamén foi sinalado que Bungie seguirá sendo un estudio multiplataforma, negando a exclusividade dos seus títulos futuros ou presentes, ao ter a opción de «autopublicarse e alcanzar os xogadores, onde sexa que escollan xogar».

Jim Ryan, o presidente de Sony Interactive Entertainment, declarou que «temos unha forte relación con Bungie desde a creación da franquía Destiny, e non podería estar máis emocionado por dar a benvida ao estudo á familia PlayStation».

Por suposto, a compra levantou certa expectación e non poucas brincadeiras entre a comunidade dixital. Bungie foi un estudo creado logo da marcha dos creadores de Halo de Microsoft en busca de independencia. Acabaron en Activision, compañía da que tamén partiron após unha turbulenta alianza, volveron ser independentes, e, agora, caen baixo o paraugas de Sony.

E non, por suposto que isto non significa que Halo poida acabar en PlayStation. Esa licenza é de Microsoft e non hai negociación posíbel, alén do que a compañía de Redmond decida.

Imaxe oficial coa que Sony deu conta da fichaxe.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.