Actualidade Sony merca Insomniac Games e terá os seus xogos en exclusiva

Sony merca Insomniac Games e terá os seus xogos en exclusiva

Fichaxe relevante dentro do mercado de verán. Sony vén de confirmar a compra do estudio Insomniac Games, coñecidos creadores dentro da industria dos videoxogos grazas ao seu bo facer coa triloxía orixinal de Spyro, logo Ratchet & Clank e, non hai moito, Marvel’ s Spider-Man. A partir deste momento, Insomniac desenvolverá títulos en exclusiva para PlayStation.

Porén, quizais non sexa unha sorpresa. Fundado en 1994, Insomniac permaneceu independente ao longo destes últimos 24 anos, aínda que traballando da man de Sony en moitas ocasións, malia que tamén mantivo tratos con Microsoft, coa que publicou o colorido xogo de mundo aberto SunsetOverdrive no 2014.

Insomniac tamén traballou en varios xogos de realidade virtual con Oculus, incluído o próximo Stormland. Ben é certo que, a partir de agora, calquera aposta por esta tecnoloxía irá destinada a PlayStation VR.

Non se ofreceu ningunha cifra sobre a adquisición empresarial. É elevada? A resposta máis evidente sería un rotundo si. Insomniac deulle a Sony, o pasado ano, un dos exclusivos máis gloriosos de PlayStation 4, ese Marvel’s Spider-Man que bateu marcas e vendeu consolas, converténdose no proxecto máis exitoso do estudio californiano, ao vender 13,2 millóns de copias segundo a propia compañía xaponesa. Este movemento empresarial non é casual nin caprichoso.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.