Actualidade Sony muda de idea e permitirá actualizar de balde Horizon Forbidden West de PS4 a PS5

Sony muda de idea e permitirá actualizar de balde Horizon Forbidden West de PS4 a PS5

Logo de anunciar que deberiamos pagar un extra para a actualización de Horizon Forbidden West de PS4 a PS5, obrigando aos usuarios a comprar unha edición máis cara que a estándar e que a especial, Sony recuou o e confirmou que non, que nesta ocasión permitirán o cambio de xeración sen abrirmos a billeteira. Ora ben, hai un pero importante e o futuro non pinta moi ben nese sentido.

Malia que nun artigo publicado  no PlayStation Blog, o máximo responsable de Sony Interactive Entertainment, Jim Ryan, recoñece a equivocación e a corrección do erro —o mesmo Ryan anunciou hai ano que os primeiros títulos de PlayStation 5 terían unha actualización gratuíta de PS4 a PS5—, está claro que abre a porta a que esta promesa quede invalidada máis pronto que tarde.

No futuro, haberá que gastar 10 euros para obter as melloras de nova xeración —ademais de ter a versión con lector, claro, de PlayStation 5—, algo que en Xbox souberon levar por outro camiño co Smart Delivery que aplica Microsoft a todos os seus lanzamentos.

Así, semella que esta polémica será revivida con Gran Turismo 7 e God of War, así como calquera outro exclusivo baixo a firma de Sony Interactive Entertainment.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.