Actualidade Sony amosa os controladores do dispositivo de RV de PS5

Sony amosa os controladores do dispositivo de RV de PS5

Xa sabiamos que Sony seguiría apostando pola realidade virtual en PlayStation 5, pero non sabiamos como se materializaría este asunto nas nosas mans. Xa temos imaxes. A compañía xaponesa compartiu a través do seu blogue novas imaxes e información sobre os mandos dos que fará uso o futuro PSVR.

Os controladores basearanse nas innovacións que incorpora o DualSense, aproveitando dun xeito «nunca visto» o sentido do tacto. O seu deseño, bastante futurista, lembra a un orbe oco, cos polgares e os índices como protagonistas á hora de premer os botóns. Tamén herdarán dos mandos de PS5 os gatillos adaptables e a súa resistencia ou tensión variable segundo o que o xogo queira transmitir.

Coa retroalimentación táctil poderemos sentir as diferentes texturas que ‘toquemos’ durante o xogo, sentindo así, a través da vibración, como é o camiño que cruzamos ou o obxecto que collemos. Ademais, o controlador pode detectar os dedos sen presionar as áreas onde estean colocados, o que permite realizar xestos máis naturais.

O visor, polo seu lado, rastrexa o controlador a través dun anel de seguimento na parte inferior do mesmo. O mando esquerdo posúe unha panca analóxica, cos botóns cadrado, triángulo, L1, L2 e un chamado Crear. No outro lado, atopamos o dereito, que dispón dun stick analóxico, os botóns de X, círculo, R1, R2 e Opcións.

Iso si, non hai data anunciada para a súa saída e non convén agardar un lanzamento este ano, a verdade. A continuación podes ver como locen os novos controladores:

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.