
Sony planea pechar as tendas de PSP, PS3 e PS Vita este xullo
A través dunha serie de informacións verificadas por TheGame, Sony estaría a piques de anunciar o peche das tendas dixitais de PSP, PlayStation 3 e PS Vita. O anuncio estaría xa programado e sería unha cousa oficial a finais deste mes. Será a fin destes servizos? Non de xeito inmediato, pois vivirían unha pequena prórroga ata o verán, pero case.
PSP e PS3, pola súa banda, pecharían cadansúas tendas o 2 de xullo; Vita, faríao o 27 de agosto. Unha vez formalizado o acto, non poderás volver mercar copias dixitais de xogos nin expansións dos que xa posúes en ningún destes sistemas. É dicir, a túa biblioteca quedará tal e como está, dependendo só do mercado físico e, en boa medida, da segunda man.
A pregunta máis evidente é a seguinte: E o contido que compramos pero que non temos descargado por falta de espazo? Polo momento, non hai resposta. É de supoñer que a compañía xaponesa propoñerá algunha solución para esta problemática, mais a día de hoxe a incógnita volve poñer sobre a mesa a problemática da conversación das obras no medio e o pouco interese que as grandes empresas simulan ter sobre este asunto.
Porén, o peche das tendas non debería pillar por sorpresa a ninguén. A última actualización da Store, lanzada en outubro do ano pasado, xa eliminaba a posibilidade de adquirir xogos para PS3, PSP e Vita. Xustificouse coa idea da inminente chegada da PS5.