Actualidade Sony rebaixa fortemente a súa PlayStation Classic

Sony rebaixa fortemente a súa PlayStation Classic

Non pasou sequera un mes dende o seu lanzamento, pero Sony xa anunciou a primeira gran rebaixa oficial de PlayStation Classic. A consola mini pasará a custar preto de sesenta euros nas nosas terras. Polo menos, así queda estipulado o seu prezo recomendado (en tendas como Amazon, GAME ou FNAC, poderás atopala a 59,99 euros).

A pobre acollida por parte do público da PlayStation Classic quedou patente, e esta rebaixa semella ser un intento por atraer aos compradores. A máquina gris chegou ao mercado cun prezo de 100 euros, e en menos de catro semanas sufriu unha rebaixa do 40 %.

Os usuarios criticaron fortemente o catálogo escollido para a consola, que inclúe vinte xogos e dous mandos, pero faltan un gran número de títulos considerados míticos para a máquina de Sony, como Gran Turismo ou MediEvil. Así mesmo, falouse moi negativamente da súa eslamiada interface, a imposibilidade de cargar máis xogos (de maneira oficial) e a ausencia de dobraxes ou traducións ao castelán, habendo simplemente unha versión europea con textos e voces en inglés.

En Morcego, Alexandre Pita definiu a consola coma un simple exercicio de nostalxia, con máis defectos que acertos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.