Sony retira Cyberpunk 2077 da PlayStation Store
Sony fixo o que será un movemento histórico na industria do videoxogo hai unhas horas, logo de anunciar a retirada de Cyberpunk 2077 da súa tenda dixital. Dentro da PS Store é imposible, agora mesmo, comprar a última obra de CD Projekt. Dá igual o sistema, PS4 ou PS5, o xogo non existe e tamén desapareceu da versión web do servizo.
A medida chega despois de comprobar que a versión de consolas do xogo de CD Projekt RED é un desastre absoluto, con bugs e erros frecuentes, rendemento nulo e unha mala experiencia de xogo. Sony promete devolver os cartosa todo aquel que o pida.
SIE strives to ensure a high level of customer satisfaction, and we will begin to offer a full refund for all gamers who have purchased Cyberpunk 2077 via PlayStation Store and want a refund. Please visit the following link to initiate the refund: https://t.co/DEZlC0LmUG.
— Ask PlayStation (@AskPlayStation) December 18, 2020
Por suposto, se tes o xogo podes seguir facendo uso del, sexa na súa versión física ou na súa versión dixital. A restrición está limitada a posíbeis novas compras. A compañía xaponesa fala dunha solución temporal producida por mor dA avalancha de críticas e peticións de devolución á que estivo sometida esta semana. Cyberpunk 2077 viu a luz o 10 de decembro, hai apenas unha semana.
Unhas horas despois do anuncio de Sony, a compañía polaca tamén colgaba o seu, confirmando nas súas redes sociais a decisión de retirar o xogo da PS Store e pedindo paciencia aos xogadores. Aquí tes o comunicado completo:
Nas conversacións con PlayStation tomouse a decisión de suspender temporalmente a distribución dixital de Cyberpunk 2077 en PlayStation Store. Aínda poderás adquirir o xogo en tendas físicas e en liña. Todas as compras dixitais e físicas do xogo seguirán recibindo soporte e actualizacións namentres continuamos mellorando a experiencia.
Segundo os nosos coñecementos sobre o tema, a partir de hoxe todo aquel que non queira esperar ás devanditas actualizacións e queira un reembolso da súa copia dixital, pode pedila en Cyberpunk 2077 refunds.
Estamos a traballar duro para devolver Cyberpunk 2077 a PlayStation Store canto antes.
Doutra banda, as accións de CD Projekt RED volveron a sufrir unha baixada significativa, que se sunan aos malos resultados en bolsa dos últimos días. Tralo anuncio da PS Store, o valor das accións desplomouse outro 15 %. Alén do feito simbólico e económico que isto supón, deixa entrever a perdida de confianza entre a comunidade e a empresa polaca.