Sony rexistra unha patente relacionada coas apostas de deportes electrónicos

Sony parece que está interesada en crear unha plataforma que lles permita aos espectadores apostar namentres seguen competicións de deportes electrónicos. O asunto saíu á luz a través dunha patente presentada en 2019, pero que se publicou esta semana tal e como recollen algúns medios internacionais. Tal e como pode ser lido na descrición do servizo, o sistema funciona a través dunha interface superposta que permite realizar apostas sobre o resultado final dun encontro ao mesmo tempo que seguimos a retransmisión.
Amais de diñeiro real, o do banco, a compañía quere que os usuarios poidan facer as súas apostas con bitcoins, moedas virtuais e mesmo «dereitos dixitais» que incluirían os xa famosos NFTs, ademais de obxectos cosméticos ou skins de obras multixogador.
Será un sistema limitado só a PlayStation? Semella que o documento deixa aberta esta pregunta, pois si que podería ser levado a máis sistemas. Na descrición detallada da plataforma menciónase de xeito explícito a consolas da competencia, sistemas de realidade virtual, televisores intelixentes, computadores, tabletas e dispositivos móbiles. Alén de contar cunha interface sobreposta, o sistema defínese por utilizar o machine learning para aprender do comportamento dos xogadores e automatizar progresivamente o acto de apostar.
É inevitable relacionar esta patente coa recente compra do EVO por parte da compañía, o maior torneo de xogos de loita do mundo. O pasado marzo, a marca xaponesa fíxose dona desta competición, que celebrará a súa edición este ano entre os días 6 e 8 e 13 e 15 de agosto.
Como sempre, convén aclaralo: rexistrar e publicar unha patente non significa que unha compañía vai face uso dela, e nalgunhas ocasións serve para delimitar o camiño ou as opcións á competencia dentro dun campo concreto. Emporiso, a idea xa queda sobre a mesa, e tampouco debería sorprender que Sony implemente algún día esta posibilidade de apostar en directo nos seus sistemas.