Reportaxes Sony saca peito no Tokyo Game Show

Sony saca peito no Tokyo Game Show

Co ano encarando a súa recta final, é normal que o Tokyo Game Show (TGS) quede perfilado como unha das últimas oportunidades para que os fans da consola de Sony reciban boas novas. É certo que as feiras de videoxogos non teñen a relevancia masiva e publicitaria que antaño foron, xa que Internet propiciou que as compañías poidan ter un contacto directo e continuado cos medios internacionais e os seus compradores ao longo de todo ano. Non quita ese feito que citas coma o TGS sigan funcionan como estupendos escaparates para futuros lanzamentos. Que trouxo Sony desta vez?

Projekt Awakening

Breve pero intenso. O novo de Cygames funcionou como a primeira sorpresa do día a través dun pequeno tráiler onde presentaba un mundo fantástico, que ben podería parecer unha mestura entre Dark Souls e Monster Hunter World. Sen máis datos, tocará agardar para coñecer a profundidade desta IP que levaba semi desaparecida dende a súa presentación, hai dous anos (no E3 ensinouse a porta pechada).

Kingdom Hearts III

Agardábase e apareceu. Novo vistazo á próxima aventura de Sora e compañía que se está facendo de rogar máis do que ninguén contaba. Chegará ás tendas o 26 de xaneiro de 2019, polo que esta nova peza audiovisual serve para quitar un pouco o mono de novidades arredor do título de Square-Enix.

A gracia deste último tráiler vén dada por amosar un dos novos mundos do universo de Kingdom Hearts, que non é outro que o da película Big Hero 6.

Tamén se anunciou a chegada de Kingdom Hearts VR Experience, que sairá en inverno como unha especie de aperitivo previo á terceira entrega (numéricamente falando).

Final Fantasy Crystal Chronicles Remastered

Pouco máis que engadir do que o propio adianto mostra. Unha nova viaxe cara este RPG, que chegará a Nintendo Switch e PS4 no 2019.

Days Gone

Outra das apostas de Sony coa que levamos xa bastante convivindo. Entre a supervivencia e o terror, o título desenvolto por Bend Studio continúa avanzando na súa finalización. Non lle queda moito, pois chegará como exclusivo de PS4 o próximo 22 de febreiro.

Os zombis sempre son un reclamo, e Days Gone sabe que en xapón non son alleos a elo. O video non aporta demasiadas novidades, pero pode que aumente a ansia pola súa chegada.

Death Stranding

Quixera un pensar que Hideo Kokima está troleando ao mundo enteiro, pois todo cobraría máis sentido. Novo tráiler do futurible Death Stranding pero sen ningún dato ou imaxe nova que amosar.

Ninguén dubida do xenio do director de videoxogos nipón, pero pode que a falta de novas reais que envolve ao seu novo título comece a xogar na súa contra. Sen data de lanzamento, só temos as centos de teorías que circulan pola rede pero seguimos sen algunha novidade real sobre o argumento ou a xugabilidade deste proxecto.

Resident Evil 2 Remake

Chegará a PS4, Xbox One e PC  o próximo 25 de enero de 2019, polo que a súa presenza durante o conferencia oficial de Sony era obrigada. O hype continúa medrando, e a día de hoxe tanto Leon coma Claire Redfield aparecen continuamente nas novas de actualidade.

Todo o que envolve esta revisitada entrega de Resident Evil loce espectacular. Unha adaptación aos novos tempos dun clásico que só puido recibir alabanzas no seu día. Parece que este remake leva o mesmo camiño.

Samurai Spirits

O novo de SNK. Trátase dun xogo de loita onde os samurais serán os reis da pantalla. Tocará afiar a katana.

En principio, ten previsto o seu lanzamento ao longo de 2019, e no pouco que se mostrou quedou patente o mimo posto nos escenarios e a gran paleta de cores que se está usando para dar forma a este xogo. Pinta ben.

Judge Eyes

Díficil poder decir con claridade  que é Judge Eyes, aínda que o novo proxecto de Sega ten unha pinta, canto menos, interesante, e pode que nos próximos días se resolvan varias dúbidas.

A súa estétitca é semellante á de Yakuza 6 ou Yakuza Kiwami 2, aínda que cabe dicir que este é un título independente e que profundizará en asuntos máis detectivescos.  Chegará a Occidente no 2019 (a Xapón un chisco antes, o 13 de decembro). Dende hoxe, os habitantes da illa nipona poderán gozar dunha demo.

Sekiro: Shadows Die Twice

O máis agardado. O novo de Miyazaki e FromSoftware avanza moitas cousas novas e quere confirmar que a verticalidade será unha das protagonistas indiscutibles do xogo.

A combinación do sixilo e de combates frenéticos simula ser unha mestura perfectamente medida en Sekiro. Desta vez deixouse ver como a brutalidade dos combates, en forma de sangue e xeniais animacións, poderá invadir a pantalla en calquera momento a partir do 22 de marzo de 2019.

As posibilidades deste título son moitas, ou polo menos iso parece. O novo adianto deixa moi boas sensacións da man deses xefeis finais que se mostran nos últimos segundos e prometen duelos case mitolóxicos a través do mando.

GUNGRAVE G.O.R.E

Breve pero intenso. A espera será longa para poder adquirilo, xa que chegará no inverno de 2019. Semella apostar pola acción desenfrenada e os disparos continuos, se temos en conta o pouco amosado.

Ace Combat 7: Skies Unknown

Nesta ocasión, Bandai Namco quixo mostrar un novo tráiler centrado en mostrar o seu modo de realidade virtual, exclusivo de PS4 para PlayStation VR.

A verdade é que luce incriblemente ben, e da boa conta á hora de pensar que debe ser unha experiencia apaixoante vivilo en primeira persoa cun dos cascos preparados para elo.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.