Sora, de Kingdom Hearts, o derradeiro personaxe de Super Smash Bros. Ultimate

«Kingdom Hearts… is light!». Por fin. Nintendo confirmou a identidade do derradeiro personaxe ao xogo de loita máis vendido da historia. Sora, protagonista da saga Kingdom Hearts, foi o elixido. A súa chave espada tamén repartirá labazadas a esgalla en Super Smash Bros. Ultimate.
Deste xeito, Sora cerrará o Fighters Pass 2, que sumou ao cadro de persoal de loitadores a Min Min (ARMS), Steve e Alex (Minecraft), Sephiroth (Final Fantasy VII), Pyra e Mythra (Xenoblade Chronicles 2) e Kazuya (Tekken). Segundo a información amosada no directo, será un personaxe especializado no combate aéreo, con movementos baseados no set do primeiro título, incluíndo, ademais, tres maxias que irán cambiando de forma cíclica.
Poderemos xogar coas súas versións normais de KH, KH2, KH 3D e KH3, amais de varias Formas de KH2 e KH3, entre elas a de Timeless River —o mundo baseado nas películas en branco e negro de Disney—. Chega tamén cun escenario propio, como marca a tradición: Bastion Oco, co aspecto tamén do primeiro título. Por suposto, de fondo, veremos a outros personaxes máis que coñecidos da popular saga de Square Enix.
Cando poderemos velo en acción —e compralo—? O próximo 19 de outubro por separada ou como parte do Fighter Pass 2. O que prefiras. En xeral, é unha decisión que debería satisfacer a boa parte da comunidade, xa que segundo a última votación emitida desde o estudio responsable do xogo de loita, Sora foi o personaxe máis votado.
Unha última sorpresa
Como sobremesa ao anuncio da chegada de Sora a Super Smash Bros. Ultimate, Nintendo confirmou o lanzamento da triloxía Kingdom Hearts, polo que poderemos xogar en Switch con Sora, Googy e Donald, e vivir a súa inesquecible aventura.Todos eles a través do xogo na nube. Iso si, non hai data para este lanzamento.