Zona retro Spider-Man, como fomos cambiando!

Spider-Man, como fomos cambiando!

Falta nadiña, uns días, para que Marvel’s Spiderman chegue ao gran público. O exclusivo de PS4 está sendo recibido con comentarios moi positivos dende a prensa especializada e xeralista, polo que, a falta dun hecatombe, seguramente poidamos falar de todo un éxito de vendas. A expectación foi máxima durante todo o seu proceso de creación. Tamén viviu preto da polémica nos últimos días debido ás acusacións de downgrade ou a pertenza a esa tendencia tan de moda (que cremos un tanto insán dende Morcego) que é xa falar de DLCs, neste caso tres, antes aínda de que salga o propio xogo.

Nun futuro próximo, falaremos largo e tendido da nova aventura de Peter Parker. Hoxe, en cambio, daremos un percorrido por eses xogos que marcaron un antes e un despois na vida dos que aman ao heroe de Marvel, que é, practicamente, todo o mundo. É cronolóxica, polo que non lle busquedes outra orde máis aló ca que queirades pórlle nas vosas cabezas.

 

Spider-Man: The Videogame (Recreativas, 1991)

O soño feito realidade. Xogar no bar a un título do home araña e, ademais, que fora divertido e logrado. Este foi un proxecto creado e distribuído por SEGA con moito agarimo. Contaba co beneplácito de Marvel e ir acabando cos malos a medida que aparecían na pantalla resultaba toda unha droga.

Non recollía o argumento de ningún cómic en concreto, simplemente tiñamos que avanzar derrotando maleantes e acabando cos xefes finais de turno. Que o fixo tan especial entón? A posibilidade de poder contar con catro xogadores á vez. Spider-Man podía verse axudado por Gata Negra, Ojo de Halcón e Namor, cada un cunha habilidade única.

Para a súa desgraza, non gozou da recepción que esperaba entre os xogadores. Tiveron que pasar anos para que a nostalxia o puxera coma un dos Spider-Man imprescindibles á hora de falar dos seus videoxogos.

Venom / Spiderman-Man: Separation Anxiety (PC, SNES e Megradrive, 1995)

Na década dos 90 poucas opcións vían os estudos de videoxogos máis ca de soltar a Spider-Man nun beat’em up de libro. Avanzando lateralmente, o noso heroe ía enfrontando aos inimigos que aparecían e aos típicos xefes finais. Iso si, aquí estaba Venom acompañándoo, o que realmente era todo un plus se pensabas mercar o xogo.

A historia tomaba un punto similar á que se pode esperar dunha unión entre Venom e Spider-Man: derrotar a Matanza (Carnage). As veces, ata aparecían outros mitos da Marvel coma O Motorista Pantasma, Daredevil ou o Capitán América para axudarnos na nosa misión.

A realidade é que a crítica da época non recolleu moi ben o xogo de Software Creations, que non deixaba de ser o típico produto de tirar cara adiante, co único atractivo de vestir o traxe de Spider-Man e golpear aos malos. Pecou de non ter algunha mecánica propia e orixinal.

Spider-Man (PSX, Nintengo 64 e Dreamcast, 2000)

Cando se fala de xogos onde o home araña é o protagonista, este título é unha especie de común denominador en calquera lista. É un histórico a piques de cumprir vinte anos. Foi traballado por Nerversoft, estudo que obtiveran unha merecida fama por estar detrás dos primeiros Tony Hawk de PSX. Aínda hoxe posúe unha das historias orixinais mellor contadas nos videoxogos heroicos, produto dunha mestura de diferentes elementos e viláns.

Era un xogo de acción en 3D de corte lineal, pero que poñía especial énfase nos detalles, coma un bo número de traxes diferentes (coas súas propias características) ou de extras. Coas telarañas podiamos crear guantes de boxeo, arrastrar aos inimigos ou inutilizalos tras envolvelos totalmente.

Foi un bombazo, recoñecido coma o mellor xogo do superheroe ata esa data. Pouquiño despois chegaría en exclusiva a PlayStation a súa segunda parte, chamada Spider-Man 2: Enter Electro. Tamén gozou dunha boa acollida.

Spider-Man 2 (PS2, Xbox, GameCube, PC, PSP, DS, GBA e N-Gage, 2004)

Abriu moitas portas de cara o futuro dos xogos que se crearían con Peter Parker como protagonista. É doado lembrarse de como moitos o describiron coma un Grand Thefet Auto pero levando a Spider-Man. A afirmación distaba un pouco da realidade, pero era moi práctica a hora de tratar de narrar a liberdade tan grande que o xogador posuía para desprazarse e balancearse por toda Manhattan.

O argumento do título orbitaba arredor do elaborado para a película homónima, e pese a contar cun final pechado o xogo permitía ao usuario continuar coa aventura dunha maneira libre, coas misións principais xa rematadas. Certamente, había centos de cosas por ver e recolectar. Tirarse do alto do Empire State e comprobar como todo se ía volvendo borroso, a medida que caías, é o momento clave que define este Spider-Man 2.

Ultimate Spider-Man (PS2, Xbox, GameCube, PC, GBA e DS, 2005)

Apenas un ano despois do exitazo de Spider-Man 2, chegaba ás tendas esta adaptación do cómic de Brian Michael Bendis e Mark Bagley. Visualmente era unha gozada, e a aposta polo cel-shading dotouno dun ton moi cómic que lle prestaba de maravilla.

Foi un xogo divertido e con algunhas posibilidades moi interesantes, como a de controlar a Venom nalgún momento. O seu hándicap principal radicaba na simpleza xeral que transmitía o combate, sen moitas opcións ou variacións. Con todo, contentou a un público que tiña ganas de abrazar ao home araña do papel, e non tanto o do cine.

Spider-Man: Web of Shadows (PS3, Xbox, Wii, PC, PS2, PSP e DS, 2008)

Habitual referente á hora de falar como debe ser un xogo do heroe de Marvel. Tiña unha historia orixinal moi ben levada, que amosaba unha Nova York tomada por uns simbiontes que lograran pór baixo o seu control tanto a aliados coma a viláns da cidade de Peter Parker (o Lobezno simbionte é puro ouro).

O seus sistema de combate era moi completo grazas as largas e variadas combinacións coas telarañas. Contaba, ademais, cun tipo de balanceo moi realista e medido. Ao igual que no xogo de PS2, moverse pola cidade resultaba un gustazo en si mesmo, e soubo beber das súas augas para quedarse co mellor e levar o resto un paso máis aló. Temos un bo exemplo nas pelexas sobre as paredes, afondando na verticalidade da cidade. Foi a primeira vez que se puideron ver. Poder cambiar entre o traxe orixinal e o do simbionte dende o inicio, tamén foi todo un acerto.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de Carne
    • En: 09 de Setembro de 2018

    Tempo atrás xoguei a un xogo de Spiderman que, entendo, sería o Spìderman 2, xa que fora en PC, e foi bastante entretido, non sei se estoy disposto a pagar 60 euros de saída polo xogo…

    Vai ser exclusivo de PS4? Porque entón o podo descartar directamente… 😀

      • Carlos Pereiro
      • En: 09 de Setembro de 2018

      Si, é un exclusivo de PS4… e manterase como tal no tempo.

      Esta semana subiremos a nosa análise.

      Podo adiantar que vai ser unha nota alta. O xogo está descaradamente ben. Tanto como compralo de saída? Creo que si. Tanto como para comprar unha PS4? Creo que non, pero… Persoalmente estamos a acadar un momento no que Sony xa demostrou un dominio total desta xeración de consolas. O seu catálogo mete medo (e o que está por chegar…)

  1. […] un agarda que algún día chegue o momento de xogar a un videoxogo no que poida ser o home araña. E foron chegando títulos. Algúns moi acertados, rompedores; outros non tanto. Pero a idea estaba aí. Marvel’s Spider-Man […]