Actualidade Square Enix anuncia atrasos para Final Fantasy VII e Marvel’s Avengers

Square Enix anuncia atrasos para Final Fantasy VII e Marvel’s Avengers

Paciencia. Esa é a palabra que xorde tras o anuncio de Square Enix sobre a súa decisión de atrasar a chegada de Final Fantasy VII Remake a PlayStation 4. Finalmente será o día 10 de abril cando poderemos rememorar as aventuras de Cloud, Barret e compañía en Midgar, polo que a data do 3 de marzo inicial queda xa no esquecemento.

Foi Yoshinori Kitase, produtor do título, o encargado de dar a noticia. Kitase xustifica a decisión «para darnos unhas semanas extra para o pulido final do xogo e brindarvos a mellor experiencia posíbel». É previsíbel que a demo do xogo atrásese tamén para o día 10, xa que se atopaba programada para o día do lanzamento.

Os Vingadores non se reúnen… aínda

Porén, non houbo só un anuncio relacionados coa compañía nipoa hoxe. Crystal Dinamics, estudio responsable de Marvel’s Avengers, comunicou que finalmente a chegada dos heroes máis poderosos da Terra producirase o 4 de setembro, descartando o 15 de maio como data prevista. Case catro meses de atraso.

Na mesma liña que o xogo de rol, os desenvolvedores da obra quixeron desculparse por este atraso xa que «decidimos usar este tempo de desenvolvemento adicional enfocándonos en afinar e puír o xogo». Se todo continúa polos leitos habituais, Marvel’s Avengers chegará a finais de verán a PS4, Xbox One, PC e Google Stadia.

Juan Sanmartín
Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.