Actualidade Square Enix nega de xeito oficial os rumores de compra

Square Enix nega de xeito oficial os rumores de compra

Foi un dos temas máis comentados ao longo das últimas horas. Munición envelenada para redes sociais. Despois de que Bloomberg publicara un un artigo no que aseguraba que varias empresas amosaran interese en mercar Square Enix, mesmo con negociacións xa iniciadas, o estudio xaponés decidiu saír á pizarra e negar todo o asunto.

Os rumores sinalaban a Microsoft, Tencent ou Sony como posibles compradores, mais semella que todo quedará en nada —polo momento—. Nun conciso comunicado, a compañía nipoa desmente a información do medio internacional coas seguintes liñas:

Bloomberg informou hoxe da existencia dun interese de varios compradores por adquirir Square Enix. Porén, este informe non se basea en ningún anuncio de SQUARE ENIX HOLDINGS CO. Non temos planeada a venda da empresa nin de ningunha parte dos seus negocios, nin recibimos ningunha oferta de ningún terceiro para adquirir a empresa ou calquera parte dos seus negocios.

Asinado polo presidente de Square Enix, Yosuke Matsuda, a nota de prensa sela e acaba coa polémica que se estaba a xerar, amais da especulación sobre como podería esta compra influír na industria do videoxogo. O certo é que a compañía xaponesa non quixo que a cousa fose a máis e cortou de raíz o problema.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.