Square Enix rexistra a marca Parasite Eve en Europa
Esta fin de semana, a publicación Gematsu fixo pública unha información que recolle o rexistro en Europa da marca Parasite Eve por parte de Square Enix. O recoñecido xogo da compañía nunca chegou a publicarse no vello continente.
A cousa é que tal movemento por parte da compañía nipoa derivou nunha fervenza de teorías que tratan de averiguar o porqué deste movemento empresarial. Algunhas voces sinalaron a posibilidade dun relanzamento en formato dixital, xa que o título se está dispoñible na PlayStation Network de Estados Unidos, pero non así en Europa. Outras teorías máis ambiciosas (e ilusionantes), sinalan a posibilidade dun novo xogo relacionado coa franquía.
O nome de Parasite Eve aínda resoa fortemente na cabeza de moitos xogadores. A aventura que mesturaba acción, RPG e terror foi lanzada orixinalmente no ano 1998 en terras xaponesas para PlayStation, para logo chegar ao mercado americano en setembro do mesmo ano. Europa nunca gozou de tal feito, aínda que si puido xogar á súa continuación, Parasite Eve II, un par de anos despois. A última entrega da saga chegou para PSP en 2011.
Doutra banda, Parasite Eve foi incluído no catálogo xaponés de PlayStation Classic pero non en Europa nin en América, polo que quizais este rexistro teña algo que ver con este feito.