Actualidade Square Enix xa traballa nun Dragon Quest de nova xeración

Square Enix xa traballa nun Dragon Quest de nova xeración

En Occidente aínda estamos a saborear Dragon Quest XI, mesmo está por chegar a edición definitiva para Nintendo Switch o próximo 27 de setembro, pero a máquina de Square Enix está engrasada e xa está a pensar no próximo capítulo da franquía. Así o anunciou Takeshi Uchikawa, director da undécima entrega, a través dunha publicación da web oficial da compañía.

«O equipo de Dragon Quest XI empezou a traballar nun novo proxecto, que supón o desafío único de facer un Dragon Quest para a próxima xeración. A fase de planificación rematou e chega a hora de ver como mellorar a calidade do xogo e facer un Dragon Quest de alta definición que conmova aos xogadores como nunca antes», pódese ler no comunicado.

A aposta por seguir expandindo o fenómeno fan de Dragon Quest por todo o globo mantense, xa que a propia misiva explica que a idea é crear un novo título que namore a «todo o mundo». Hai que lembrar que en Xapón esta franquía goza dun éxito masivo e a todos os niveis, sendo os seus personaxes símbolos coñecidos en todo o país.

Porén, antes de que se saiba máis sobre esta futura duodécima entrega chegarán varios títulos ou accións relacionadas coa franquía, como Dragon Quest Builders 2, a chegada de todos os seus protagonistas a Super Smash Bros. Ultimate, un Dragon Quest para móbiles do tipo Pokémon GO e, como xa se indicaba nas primeiras liñas, Dragon Quest XI S: Ecos dun pasado perdido para a consola híbrida de Nintendo.

Dragon Quest XI gozou dun éxito notable en Occidente, territorio ao que chegou cunha adaptación especial.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.