Stadia, a plataforma dixital coa que Google asalta a industria do videoxogo

A gran G falou. Unha das compañías máis poderosas do planeta, Google, o xigante tecnolóxico por excelencia, lanzou este martes 19 de marzo unha mensaxe clara ao mundo: quere revolucionar a forma de consumir e gozar dos videoxogos. Como? Stadia é a arma secreta que estivo gardando baixo chave (e outros nomes) ata agora. Unha plataforma dixital de xogo na nube que promete facer cousas, canto menos, asombrosas a nivel tecnolóxico.

Aspecto real do controlador oficial de Stadia.
A Game Developers Conference 2019 (GDC) arrincou cun anuncio publicitado ao longo das últimas semanas de maneira activa. Non houbo consola nin máquina propia. Os plans que a compañía norteamericana ten para xogadores e creadores non pasan por aí. A súa aposta é o xogo na nube, a miúdo sinalado como o futuro desta industria e que, con Stadia, semella máis próximo que nunca. Porque se un analiza os datos que a nova plataforma trae consigo, a palabra revolución antóllase inevitable. Lanzarase oficialmente este ano en Estados Unidos, Reino Unido, Europa e Canadá, claro que quizais haxa que esperar un tempo para coñecer cando e onde estalará a revolución que promete.
As preguntas máis repetidas ao longo da conferencia nas redes sociais quedaron sen resposta. Non hai prezo, non hai datos sobre a conexión mínima que necesitaremos para gozar en condicións de Stadia e, fóra dun par de títulos, tampouco transcendeu que videoxogos estarán dispoñibles no seu catálogo.
Non hai unha máquina, senón moitas
Stadia será unha experiencia multiplataforma. É dicir, poderá xogarse aos seus títulos no ordenador, na televisión, no móbil, na tableta… Só será necesaria unha conexión a Internet e o acceso a Chrome. O curioso deste apartado é que na demostración feita durante a conferencia comprobouse que a partida ficará inalterábel mentres cambiamos dunha pantalla a outra, sen cambios na resolución, sen perda de datos… É un dos aspectos máis rechamantes da plataforma de Google e un dos máis revolucionarios, que dúbida cabe. Decidir simplemente que xogar, e facelo alá onde esteamos, xusto onde o deixamos.
O xogo reproducirase en data centers da compañía estadounidense, chegando a nós a imaxe do xogo que esteamos a gozar nese momento. Promete unha experiencia de 1080p e 60 imaxes por segundo nos videoxogos máis esixentes. Tamén 4k en novos lanzamentos como DOOM Eternal.
Google quixo sacar músculo tecnolóxico e amosou as salas de servidores onde ocorrerá a maxia. Explican que serán máis potentes que Xbox One X e PS4 Pro, grazas aos seus 10 teraflops de capacidade bruta. Stadia será, ademais, compatible con Vulkan e terá unha compatibilidade de son 5.1. Aínda que non achegaron datos concretos, estiman que para a recepción dun sinal de 1080p necesitarase unha conexión de 25 Mbps. En rexións con conexións máis baixas falariamos de 15 Mbps, a 720p, pero conservando as 60 imaxes por segundo. Estes datos, foron os máis cuestionados polos usuarios. O día da súa estrea, comprobarase se son reais.

Algúns dos datos técnicos dos servidores mostrados por Google durante a presentación.
Un mando para controlalos a todos
A plataforma de Google funcionará con calquera mando USB, aínda que terá o seu propio controlador. Este periférico conectarase aos centros de datos a través da Wi-Fi para evitar latencias non desexadas. O mando integrará outras funcións como Google Assistant ou YouTube dunha maneira cómoda e atractiva.
Este é outro dos puntos máis relevantes de Stadia: axuntar xogos e entretemento. A día de hoxe, a industria do videoxogo xa non é só gozar xogando, senón tamén vendo, comentando e compartindo. Google quere reunir todo iso baixo a mesma bandeira e propiciar as interaccións entre os creadores de contido e os seus seguidores. Como? Podendo crear colas virtuais para xogar con eles (mostrouse a través do NBA 2 K), retransmisións directas a YouTube á mesma resolución á que se está a xogar, etc.
Outras das curiosidades presentadas durante a conferencia é a capacidade de Stadia para axudar ao xogador a resolver conflitos se así se lle permite. A través do asistente de Google poderemos buscar a guía dun videoxogo, ou un truco se estamos atrancados; para logo continuar coa aventura. Todo este proceso integrarase na mesma pantalla, na propia experiencia do xogador, sen necesidade de saír a un menú externo ou a outro navegador.
A que xogaremos?
É unha das grandes preguntas, aínda que non hai unha resposta absoluta. Ao longo da presentación puidéronse ver diferentes e variados títulos: Assassin’s Cred Odyssey (Ubisoft apoiou con entusiasmo o proxecto), id Software estivo presente con DOOM, tamén houbo representación española da man de Tequila Works, o estudio que desenvolveu Rime. É dicir, Google traballará de xeito conxunto con diferentes compañías e porá ao seu servizo todas as facilidades do mundo para que poidan levar os seus xogos a Stadia se así o desexan. Non nos trabuquemos. Este é un feito demasiado tentador para calquera estudio do mundo.
Doutra banda, Google confirmou que fundou unha nova división dentro das súas oficinas para crear títulos exclusivos. Chámase Stadia Games and Entertainment, o primeiro estudo first party da compañía. Estará dirixido pola antiga directiva de Ubisoft e Electronic Arts, Jade Raymond, fichaxe que se fixo pública tempo atrás, e que derivou en multitude de rumores sobre os plans de Google para coa industria do videoxogo. Raymond non achegou ningún dato concreto, tampouco ningún nome propio, aínda que fixo fincapé no ilusionante e enorme que é participar nun proxecto destas características.
Doutra banda, a adquisición de títulos tampouco foi desvelada completamente. Nun de os vídeos púidose ver un tráiler de Assassin’s Cred Odyssey en YouTube no que aparecía un novo botón Play, o cal permitirá comprar o título e inmediatamente xogalo se así o desexamos. Ao parecer, este tipo de compra estaría dispoñible en diversos servizos, apuntando a ser unha especie de executable dende Twitter, Play Store, Facebook ou Reddit.

Stadia permitirá xogar en streaming a DOOM Eternal a 4K, HDR e 60 fps.