Actualidade Star Citizen bate récords e alcanza 250 millóns de recadación no crowdfunding

Star Citizen bate récords e alcanza 250 millóns de recadación no crowdfunding

Star Citizen, un dos títulos máis importante dos últimos anos, continúa engordando as súas cifras para o seu futuro lanzamento. Trátase dun dos xogos máis ambiciosos de todos os tempos, no que os xogadores de PC fregan as mans soñando coa súa chegada desde que se anunciou aló polo xa afastado 2012.

Agora, grazas á información ofrecida por GamesIndustry, puidemos saber que a obra desenvolvida por Cloud Imperium Games alcanzou a impresionante cifra de máis de 250 millóns de dólares ao longo do seu crowdfunding. Isto supón que case dous millóns e medio de xogadores achegaron o seu pequeno gran de area para que Star Citizen consiga ver a luz e acelere o seu desenvolvemento.

Cómpre destacar que se trata dun orzamento moito maior que o dos grandes títulos AAA actuais. O máis impresionante, se é que hai que destacar algo, é que os xogadores non se esquecen de achegar máis orzamento ao estudio, xa que durante o último mes de novembro un total de nove millóns de dólares foron enviados ás arcas de Cloud Imperium Games. Tamén foi importante a achega realizada por investidores privados, que proporcionaron case cincuenta millóns até alcanzar os 250 anteriormente mencionados.

Porén, en maio deste ano, o estudio foi acusado de non manexar con acerto os fondos dos que dispoñían, xa que puxeron á venda naves espaciais dentro do xogo por cifras astronómicas, alcanzando os 3.000 dólares.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Comentarios non permitidos
    • daniel de vega
    • En: 13 de Decembro de 2019

    Pois xa son 255$ millóns o 13/12/2019.
    Sendo o videoxogo máis ambicioso nunca feito para PC, se cada é bo merecedor de que lle fagades un artigo á comunidade xogadora galega. Teño cruzado a VigoCitizen ; )

      • Carlos Pereiro
      • En: 13 de Decembro de 2019

      Haberá que preguntar no Patreon 😉