Actualidade Star Wars Battlefront recibe un parche que restaura o seu modo multixogador en Steam

Star Wars Battlefront recibe un parche que restaura o seu modo multixogador en Steam

O 4 de maio é unha das datas sinaladas no calendario polos seguidores de Star Wars, xa que é o día indicado para celebrar e reivindicar a saga creada por George Lucas. A falta de tan só dous días para esa celebración, Star Wars Battlefront vén de recibir un parche de actualización que restaura o seu sistema de multixogador en liña en Steam. Non, non nos estamos referindo ao regreso da franquía no 2015, senón á versión orixinal do título lanzada en 2004 para PS2, Xbox e PC.

Un sorprendente movemento de Disney que aproveitou a ocasión para incluír solucións a varios erros producidos polo uso dalgunhas resolucións de pantalla e unha localización ao castelán. A ausencia de sistema multixogador orixínase na empresa que ofrecía este servizo a Star Wars Battlefront. GameSpy foi a encargada deste labor durante anos até a súa clausura no 2014, polo que a única forma de compartir batallas galácticas era a través de mods creados pola comunidade.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.