State of Play achega novidades pero sen grandes sorpresas

State of Play achega novidades pero sen grandes sorpresas

Sony elixiu, do mesmo xeito que as súas compañías rivais, a senda do streaming como modelo para transmitir novidades aos seus usuarios. O seu primeiro State of Play, retranmisión que este luns púidose sintonizar nas diferentes canles oficiais de PlayStation, trouxo consigo algunhas novidades, pero non acabou de convencer a un público que esperaba algo máis, máis concretamente algunha noticia sobre The Last of Us: Parte 2 ou Death Stranding. Nin o uno, nin o outro.

Tampouco se deixaron ver outros futuros lanzamentos como a revisión de MediEvil ou Dreams. Con todo, si houbo anuncios variados para PlayStation VR, que recibirá un bo impulso, se falamos de títulos, nun futuro próximo.

Marvel’s Iron Man VR

Ser Tony Stark é demasiado tentador e negalo é unha perda de tempo. O primeiro anuncio da pasada noite estivo destinado ao periférico de realidade virtual de Sony e confirma unha nova colaboración coa casa Marvel. Desenvolto por Camouflaj, presume das sensacións que transmitirá o seu voo.

Crash Team Nitro-Fueled

A revisión do mítico xogo de karts fixo tamén a súa aparición. O marsupio goza dunha segunda mocidade nesta xeración de consolas e Sony quixo anunciar e lembrar algunhas das novidades que traerá consigo este clásico, agora revivido. Tirou de nostalxia cos cosméticos clásicos e deixou entrever o seu modo multixogador a pantalla dividida de ata catro xogadores. Quen dixo festa en casa?

No Man’s Sky: Beyond

Hello Games continúa a traballar con Non Man’s Sky. O espazo case infinito deste título foi sufrindo diversos cambios (para mellor) dende o seu errado lanzamento. É o momento de Beyond, unha expansión de balde que engade un novo modo multijugador. Tamén se anunciou que o xogo pasará a ser compatible con PlayStation VR. Exploración espacial en primerísima persoa.

Ready Set Heroes

Un dos anuncios inéditos realizados durante o State of Play. Preséntase como un hack & slash multixogador no que competiremos por completar un alxube antes que o equipo rival. Hai múltiples personaxes dispoñibles para tal tarefa e, como non, centos de inimigos aos que esnaquizar. O seu deseño é bastante peculiar, rozando o cartoon.

Five Nights at Freddys VR: Help Wanted e Blood and Truth

Chegará en abril, aínda que non será un exclusivo como tal de Sony, xa que tamén estará dispoñible en Oculus Rift, HTC Vive e Steam VR. A franquía gozou dun éxito notable nos últimos anos, polo que unha nova continuación simula ser un exercicio bastante natural.

Doutra banda, tamén se deixou ver o novo de SIE London Studio, Blood and Truth, un título de acción, exclusivo para PS VR, no que os disparos estarán á orde do día.  Segredos e intrigas despregaranse ao longo da súa trama e os seus escenarios. Poñerase á venda o próximo 28 de maio. Así mesmo, a compañía deixouse levar pola realidade virtual e anunciou unha boa batería de títulos para esta plataforma:  Mini-Mech Mayhem, Jupiter & Mars, Falcon Age, Trover Saves the Universe, Everybody’s Golf VR, Table of Tales e Vacation Simulator. É hora de enfundar o casco.

Observation

Devolver Dixital e No Code unen forzas para lanzar ao mercado un título de suspense e intriga espacial. A pregunta é sinxela: que lle ocorreu á doutora Emma Fisher e ao resto da súa tripulación? Un misterio situado no frío e silencioso espazo, paraxe ao que deberemos viaxar para pescudar que ocorreu na estación espacial Observation. Tamén sairá en PC.

Concrete Genie

Aínda que orixinalmente era un xogo que debía ver a luz durante o 2018, atrasouse ata esta primavera. Pois non, tampouco. Concrete Genie chegará no outono. O título de Pixel Opus pon ao xogador na pel dun neno que vai pintando o mundo que percorre. É unha aventura que tratará temas máis profundos do que en principio semella, como o acoso escolar.

Days Gone

Quizais o título máis importante da retransmisión, pero ao mesmo tempo o máis visto. Days Gone chegará o 26 de abril como unha aventura de mundo aberto na que deberemos sobrevivir ás horas de infectados que por el campan sen control. Tamén haberá que ter ollo cos humanos non enfermos. O mundo vaise ao carallo e a xente adoita portarse bastante mal. Típico, non?

Mortal Kombat 11

Aínda que o State of Play comezou con algo novo non quixo rematar a faena coa mesma dinámica. Non houbo traca final nin broche de ouro ou sorpresa que levantase aos espectadores dos asentos. Mortal Kombat 11 foi o último título amosado e confirmou a chegada de Jax, Kiu Kang e Kung Lao. Boas noticias para os seguidores da franquía, pero sen demasiada relevancia para o resto.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados