State of Play :: Demon’s Souls saca peito ao longo de 12 minutos nun novo vídeo

Tan só faltan uns días para a estrea de PlayStation 5 e, polo tanto, da chegada de Demon’s Souls, revisión do mítico xogo de PlayStation 3 co que se inaugurou a lendaria saga de Hidetaka Miyazaki, saga que cambiou o devir de boa parte dos xogos de acción que foron aparecendo ao longo da última década. Sony mostrou ao mundo a nova versión cun gameplay de 12 minutos que serve para coñecer multitude de detalles sobre a súa xogabilidade e a súa creación en comparación coa obra orixinal.
Bluepoint Games esmerouse e soubo sacar todo o partido ao código orixinal do xogo. Gavin Moore, director creativo do título, sinala que «se nunca percorriches o Val da Corrupción, non loitaches co intimidante xefe Empalador ou non chegaches aos créditos finais desta historia realmente alucinante, permítenos que che digamos que non sabes o que está a agardar por ti».
Ao longo do vídeo podemos coñecer a interface definitiva que veremos en pantalla, amais de comprobar como quedaron algunhas das zonas máis lembradas da aventura de Miyazaki, como Boletaria ou a gorida do Abesullón ígneo. Tamén se pode comprobar a enorme cantidade de opcións que ofrece o editor de personaxes inicial.
Doutra banda, aínda que xa estaba confirmado, coméntase que poderemos elixir entre dous modos gráficos: un con 4K dinámicos e 60 FPS, e outro con 4K nativos e 30 imaxes por segundo. Preparados para morrer nesta resolución?