State of Play :: Final Fantasy VII Remake, o ás baixo a manga de Sony

State of Play :: Final Fantasy VII Remake, o ás baixo a manga de Sony

Segundo State of Play de Sony. A compañía xaponesa sabía que tiña que subir o listón respecto á unha anterior entrega que se tachou de pouco sorpresiva despois de non aparecer nin un só dos grandes títulos que PlayStation 4 ten no horizonte. Non quixo Sony caer no mesmo erro e gardouse algo para a sobremesa final: Final Fantasy VII Remake facía acto de presenza tras anos sen amosar novas imaxes. Tolemia xeneralizada. Que máis se puido ver?

Monster Hunter World: Iceborn

A xélida expansión do título de Capcom funcionou de apertura para a retransmisión. A boa saúde de Monster Hunter World é evidente, e continúa sendo unha das puntas do tridente co que a compañía xaponeesa recuperou a súa reputación de outrora (Resident Evil 2 e Devil May Cry 5, as outras dúas).

Iso si, sabemos que afina a súa data de lanzamento: chegará o 6 de setembro. Será un outono frío.

Riverbond

Interesante achega. Preséntase como un xogo de shoot & slash, e con gráficos estilo voxel art. En Riverbond poderán xogar até catro xogadores (e no mesmo sofá) e contará cos personaxes de varios dos títulos independentes máis exitosos dos últimos tempos (Planet of the Eyes, Knights and Bikes, Lovers in a Dangerous Spacetime, Bastion, Shovel Knight, Guacamelee!, PsychonautsEnter the Gungeon).

Pinta frenético, divertido e con altas doses de destrución. Ideal para a familia. Chegará este verán.

Predator: Hunting Grounds

Sorpresa inesperada tamén, aínda que sen demasiada información sobre a mesa. No blogue oficial de PlayStation comentan que o seu desenvolvemento está aínda nunha fase temperá, aínda que sairá o próximo ano.

Tratarase dun título multixogador en liña para unha experiencia asimétrica. Un grupo de xogadores controlará aos membros dun equipo de elite e irán armados con escopetas, metralladoras, rifles de francotirador, etcétera. Outro equipo, ou máis ben, outro xogador controlará ao Predator, a perfecta máquina de matar coa que Arnold Schwarzenegger tivo que se medir na selva aló por 1987.

Poñerse na pel dun destes alieníxenas sempre foi unha tentación enorme, aínda que haberá que esperar a ver o resultado (a industria do videoxogo tamén saboreou diversos fracasos relacionados con esta franquía). Seemella que contará coa banda sonora orixinal da primeira película. Todo un acerto.

Away: The Survival Series

Curiosa proposta. Trátase de un videoxogo de aventuras en terceira persoa que nos permitirá tomar control dun petauro do azucre no medio dos perigos dun mundo salvaxe.

«Mentres cataclísmicas tormentas azoutan ao planeta, penetra na natureza e explora a un mundo vibrante de vida, pero prepárate para os perigos que xacen adiante», reza a súa sinopse oficial. Parece que teremos que sobrevivir nunha contorna hostil, non só polos depredadores que pululan polos bosques, senón polos propios elementos climáticos.

MediEvil

O bo de Sir Daniel Fortesque está máis preto de volver á vida porque si, por fin coñcemos a súa data exacta de resurrección: o 25 de outubro.

Sony quixo amosar algunhas imaxes novas desta revisión do mítico título de PlayStation. O lavado de cara é evidente, aínda que que parece que manterá intacta a xogabilidade orixinal (mesmo o seu basto control, en ocasións).

Final Fantasy VII Remake

E si, por fin. O comodín do State of Play, o ás baixo a manga. Outra revisión que levaba demasiado tempo en silencio pero que mostrou bastantes cousas no pouco tempo que permaneceu en escena.

Ver a Aeris, Vincent, Barret e, como non, a Cloud en pantalla supón toda unha inxección de nostalxia e hype a partes iguais. Trátase dun adianto con bastante acción, ademais, o que permite observar de novo que o sistema de combate seguirá apostando polo vivido en Final Fantasy XV.

Non se anunciou a súa data (fose un bombazo), aínda que emprazan ao público a estar atento ao mes de xuño. No E3 non hai conferencia de Sony, pero si de Square Enix.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados