State of Play :: Ghost of Tsushima afía a espada antes do seu lanzamento

Avisou Sony dous días antes da retransmisión e ás 22 horas en punto comezou a conta atrás. Dezaoito minutos de Ghost of Tsushima, o último exclusivo que PlayStation 4 recibirá esta xeración, foron pasando tranquilamente diante dos miles de ollos que seguiron o State of Play monográfico.
O título de Sucker Punch preséntase como unha obra de acción e aventura nun mundo aberto que descubrir e percorrer, con referencias coñecidas e ben utilizadas como The Witcher 3: Wild Hunt, Assassin’s Creed ou Red Dead Redemption 2. A súa gran baza para sorprender parece estar ligada á xenial ambientación que presenta, un Xapón feudal preciosista, e un apartado gráfico ao límite do que a máquina de Sony pode ofrecer.