State of Play :: PlayStation 5 abre o calendario e sinala datas

State of Play :: PlayStation 5 abre o calendario e sinala datas

Primeiro State of Play do ano para Sony e enésima vez que a industria manda a mesma mensaxe: as expectativas son as nosas inimigas. Está claro que a única maneira de gozar destes eventos dixitais aos que (semella) estamos condenados é a idea de non agardar nada, perante a posibilidade de evitar decepcións. É máis doado dicilo que facelo, pero é un ritual que debemos de aplicar. Por que decepción? Porque o último State of Play de Sony non prometera nada, porén, un ten a sensación de que algo escapou entre os dedos. Todo (salvo un título, Sifu) era xa coñecido; o peche púxoo un DLC de Final Fantasy VII Remake e a súa mellora para PS5, de Aloy nin o home, as datas, coa que está a caer, teñen máis de placebo que de medicamento; e, por suposto, nin unha soa sorpresa agradable: nin Elden Ring, nin Kojima, nin Konami, nin Silent Hill, nin Bloodborne a 60 fps…

O problema base destes eventos, que tan ben se integraron na comunicación de Nintendo ou Sony, é que se os seus donos publicasen os adiantos en Youtube, asemade, e chegáramos a eles en calquera orde, nada cambiaría. A idea de evento queda só nunha conta atrás. Non hai narrativa, nin ánimo de contar nada. Son unha serie de adiante inconexos que mostran parte do que está por vir. Perfecto, pero non é precisto ste formato nin este disfrace. É máis, podemos comprobar como esa calidade limitada de emitir en directo séntalle bastante mal ao apartado visual, e é algo que leva ocorrendo un tempo.

Pode un quedar co positivo: data para Kena, presentación de Sifu, máis coñecemento sobre Solar Ash, Oddworld: Soulstorm en PS Plus, máis contido para Final Fantasy VII Remake (Nomura style)… Mais sabe a pouco. O xusto para non pasar fame. A continuación, e seguindo a tradición, tes un repaso dos principais anuncios e os seus vídeos.

Novo tráiler de Returnal

O novo de Housemarque era un convidado co que se contaba e pouco máis que engadir. A través dun novo vídeo, o roguelike de ciencia ficción presenta a súa oscura e inquietante premisa. Vese ben. O próximo 30 de abril, nun mes, chegará ás tendas.

Sifu, labazadas a esgalla

Desenvolto por Sloclap, estudo responsable de Absolver. Sifu preséntase ao mundo como un brawler en terceira persoa repleto de combates corpo a corpo, no que os xogadores encarnarán a un novo estudante de Kung-Fu embarcado nunha viaxe de vinganza. O de mozo parece que durará pouco, porque con cada morto os anos vanse acumulando na pel e o cabelo. Chegará este ano para PS5, PS4 e PC a través de Epic Games Store.

O glorioso buraco negro de Solar Ash

Os autores do máis que memorable Hyper Lixeiro Drifter continúan o desenvolvemento da súa nova obra, Solar Ash. Un aspecto visual surrealista  e un mundo vasto que explorar namentres nos deslizamos polo aire, con inimigos pululando por estas terras. Din que chegará tamén este ano. Prométeo Annapurna.

https://www.youtube.com/watch?v=J7-GzF4w4o4

Kena: Bridge of Spirits e as súas benditas criaturiñas negras

Novas imaxes que ilustran o avance dun dos títulos que, aos poucos, foise colocando como unha das apostas máis interesantes para este 2021 de Sony. Os Rot, esas criaturas redondas e negras que nos seguen, son carne de canón para a creación de peluches e funkos. A aventura de acción e exploración de Ember Lab chegará este mesmo verán, o 24 de agosto, para PS4 e PS5.

Oddworld Soulstorm vivirá a súa estrea en PlayStation Plus

Sabe PlayStation que a saga Oddworld é o que é: un símbolo, si, pero tamén un reclamo para uns poucos xogadores. Quizais por iso, velo integrado no PS Plus desde o primeiro día que chegue ás tendas, o 6 de abril, sexa unha chiscadela moi evidente para os usuarios do servizo en liña da marca. Agradécese e abre a porta a que máis estreas da casa sigan este camiño.

Final Fantasy VII, mellora e cun capítulo novo

Baixo o título de Final Fantasy VII Remake Intergrade, Square Enix presenta unha versión que terá melloras na resolución (4 K e 30 fps) e un modo rendemento a 60 fps. Tamén serán optimizadas a iluminación e as texturas, así como certos cambios nos efectos especiais. Menos tempos de carga, unha nova dificultade e un modo foto, son outras das novidades que chegarán nesta versión de PS5 que se estreará o 10 de xuño.

Hai máis? Hai máis. Incluirase tamén un novo capítulo centrado en Yuffie Kisaragi, personaxe que non puidemos ver no remake porque non aparece durante as primeiras horas do xogo orixinal. Nomura sendo Nomura.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados