State of Play :: The Last of Us 2 confirma o seu lanzamento en febreiro

State of Play :: The Last of Us 2 confirma o seu lanzamento en febreiro

Non houbo excesivas sorpresas. Ou si. Depende do cristal co que se mire, como é costume dicir. PlayStation programou o seu State of Play cun obxectivo claro: ofrecer novas sobre The Last of Us 2, incluíndo data. Chegarán máis deetalles sobre este asunto; os medios acreditados están en California cubrindo un evento privado que derivará nunha serie de primeiras impresións do novo título de Naughty Dog nos vindeiros días. Tocará agardar polo momento.

Non foi o único que deixou a retransmisión, claro. A compañía xaponesa quixo dar protagonismo a proxectos de estudios de corte máis humilde. Así, o estraño Humanity fixo que máis dun dubidara sobre se estaba vendo o inicio ou non do evento como tal, mentres que o infernal Afterparty deixou un picante sabor de boca.

Para ir marcando no calendario

Amais do xa comentado Humanity, PlayStation sacou músculo con algúns títulos que están por chegar e que máis pronto que tarde aparecerán nas tendas. Sobre este título, comentar que se trata do novo proxecto do estudio Enhance, fundado por Tetsuya Mizuguchi, coñecido por ser o creador de xogos míticos como Sega Rally, Rez ou Lumines. A compañía estivo tamén detrás dunha das revisións máis rechamantes deste último ano, o fantástico Tetris Effect.

¿Máis? Call of Duty: Modern Warfare chegará o 25 de outubro, seguindo o plan inicial. Amosou un adianto cinemático, aínda que quizais se botou en falta máis acción real.

Annapurna Interactive anunciou a data de lanzamento de Wattam, o novo xogo de Keita Takahashi, creador da serie Katamari, obra na que teremos que conectar aos habitantes de cada mundo para logo velos explotar. Curioso, sen dúbida. Chegará en decembro deste ano.

Seguindo o ronsel independente, o belo Arise: A Simple Story móstranos que hai vida máis aló da que deixamos neste mundo. Non deixou, iso si, caer unha data concreta, pero si que aterrará pronto. Cumprirá? Ten selo catalán.

Arise posee un agradábel aspecto gráfico.

O trámite do VR e máis sorpresas (ou non)

Non falla. Sony non quere deixar tirados aos seus usuarios de VR e adicou uns minutos da retransmisión a mostrar imaxes dalgúns dos xogos que irán chegando para esta plataforma. A maioría dos xogadores ven estes minutos como un deixarse levar de libro, pero a aposta de PlayStation por este formato é evidente, malia que sigan facendo falta máis títulos que xustifiquen a compra dun sistema completo de realidade virtual.

MediEvil terá unha demo na PS Store ao longo das próximas horas. Trátase da revisión dun clásico que quere devolver á vida por partida dobre a Sir Daniel Fortesque, e todo apunta a que así o fará. Doutra banda, Civilization VI marcou tamén data de lanzamento: 22 de novembro.

E si, o Death Stranding de Kojima tamén quixo facer a súa aparición, aínda que só o fixo para presentar unha edición especial de PlayStation 4, tamén do mando. A consola terá un disco duro de 1 TB, cor branca e na súa superficie haberá marcas de mans manchadas dunha substancia negra. O Dual Shock 4 é transparente, cun acabado entre amarelo e laranxa, que imita a incubadora na que Norman Reedus transporta ao famoso bebé.

Malia que xa se sabía da súa existencia, Afterparty contou cuns minutos gloriosos, amosando un inferno moi diferente do que cabería agardar. E, se es seguidor do deporte americano por excelencia —con perdón da NFL—, The Show 19 quizais poida ser un reclamo para ti.

O retorno de…

The Last of Us 2 tiña que ser a xoia da coroa do State of Play e funcionou como tal. Puxo punto e final á retransmisión cun adianto que mostra o xogo en acción dun xeito bastante próximo ao que seguramente vexamos en febreiro, porque si, chegará o 21 de febreiro. Uns días antes do que se filtrou esta semana.

Iso si, o detalle de máis relevancia é a confirmación dun regreso do que nada se sabía. Joel estará nesta nova entrega, aínda que se descoñece, por suposto, de canto protagonismo gozará. Hai cousas que é mellor ver, así que xa sabes.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados