Steam deixa de dar soporte a Windows XP e Vista

Ano novo, vida nova. Iso debeu pensar Valve, que co comezo deste 2019 deixou de dar apoio ao seu cliente Steam nos sistemas operativos Windows XP e Vista, tal e como xa avisara o pasado verán. Os usuarios que queiran seguir usando a plataforma dixital deberán actualizar os seus equipos a Windows 7 ou 10 (ou instalar calquera outro sistema operativo funcional).
Na práctica, menos dun 1 % dos usuarios de Steam utilizaban un destes dous sistemas, razón de peso para levar a cabo a tomada decisión. Tamén é certo que o propio Google Chrome posúe funcións que non corren nos Windows máis antigos. Non hai que esquecer as propias actualizacións de seguridade que a empresa norteamericana decidiu deixar de realizar xa en 2014 para XP e en 2017 para Vista.
Con máis de 150 millóns de usuarios rexistrados, Steam é a plataforma de distribución de videoxogos para PC máis importante do planeta. Un trono que mantén de maneira cómoda ano tras ano, aínda que este 2018 chegaron novos competidores como a Epic Games Store, que aumentará a competencia drasticamente no devandito sector.