Steam ofrece xogos de balde a 5.000 usuarios por erros nas súas rebaixas

Steam ofrece xogos de balde a 5.000 usuarios por erros nas súas rebaixas

As ofertas de Steam son ese evento co que podes aumentar a biblioteca de videoxogos dun xeito exponencial a un prezo máis que interesante. Dun tempo para acó, Valve tamén trata de impulsalas con algún que outro evento especial, máis aló dos descontos e as ofertas. Curiosamente, nesta ocasión, o evento programado para o verán baixo o título Grand Prix non saíu todo o ben que agardaba a compañía.

A propia  Valve pediu desculpas publicamente perante a confusión xeneralizada que provocou. «Grazas a todos os que participastes no evento Grand Prix, aínda que nos demos conta de que o ‘trazado’ tiña algúns ‘xiros inesperados’. Tratamos de endereitalos na medida do posible, e anticiparemos mellor as curvas a próxima vez que vos convidemos ás carreiras», reza o comunicado oficial sobre este evento que finalizou o pasado día 7 de xullo e que gañou Team Corgi.

O certo é que as bases desta ‘carreira’ estaban moi pouco claras, e non poucos usuarios reclamaron algunhas explicacións a maiores para poder entender en que consistía realmente o evento. Unha das primeiras accións que tomou a comunidade foi recortar a súa lista de desexados —xa que o premio sería obter varios xogos gratuítos da mesma—, cousa innecesaria tal e como explicaría logo Valve ao comprobar como minguaban as mesmas.

Team Corgi arrincou o evento con forza e, a pesares dos cambios na regulamentación, conseguiu manter  a primeira posición até o final da competición. Para evitar o malestar da comunidade, a compañía americana vén de lanzar unha mensaxe de consolación: «Como agasallo especial para os participantes, seleccionamos ao azar a 5.000 usuarios que contribuísen ao evento desde calquera equipo para obsequialos co primeiro xogo da súa lista de desexados». Os usuarios que tivesen sorte recibirán o seu agasallo en menos de 48 horas.

As rebaixas de Steam tamén chegarán hoxe ao seu fin, este 9 de xullo. Polo si ou polo non, que saibas que en Morcego fixemos unha enorme lista de recomendacións, con máis de 50 títulos comentados e recomendados pola súa relación calidade / prezo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.