Actualidade Steam prepara un plan para evitar danos polo posible impacto dun meteorito

Steam prepara un plan para evitar danos polo posible impacto dun meteorito

Noventa millóns de usuarios e máis de trinta mil xogos no seu catálogo. Demasiados datos como para non ter un plan B no caso de que o mundo reciba un desastre natural de lamentables consecuencias. Steam recoñece no seu último informe, no que tamén detalla os seus plans de futuro a curto prazo, a idea de previr as posibles perdas masivas de datos no caso de que un meteorito chegase a caer sobre as nosas cabezas.

“No 2018 levamos a cabo moitos traballos de infraestrutura. Por exemplo, realizamos unha actualización significativa dos servidores Solr que xestionan as procuras na tenda, as recensións de usuarios e o Steam Workshop”, sinala o informe. “Continuamos traballando no noso plan de recuperación de desastres para que Steam non afunda se o noso centro de datos principal é alcanzado por un meteorito. Puxemos en funcionamento novos Servidores SQL, agora con 2,7 petabits de almacenamento de estado sólido FAST, para manter os 1700 millóns de cromos outorgados, os 488 millóns de transaccións completadas, os 245 millóns de emoticonos creados e os 218 millóns de capturas de pantalla publicadas o ano pasado”.

Unha amálgama de datos máis que valiosa, para a que Valve necesita ter a protección adecuada, e así asegurar a súa funcionalidade pase o que pase nun futuro próximo (ou afastado). Ao longo do resto do informe detállese mediante textos e infografías a actualidade máis inmediata da plataforma dixital, así como os plans e novidades que verán a luz ao longo deste 2019. Un ano que promete resultar nun lavado de fronte de Steam cara á comunidade.

Aquí tes algunhas das infografías mais relevantes:

Fonte: Steam 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.