Análises SteamWorld Dig 2 :: A mineira que chegou ao núcleo do mundo

SteamWorld Dig 2 :: A mineira que chegou ao núcleo do mundo

Paga a pena comezar cunha afirmación de certa gravidade: non xoguei aos anteriores capítulos de SteamWorld. Móvome entre o pecado e a culpa, pero así está a cousa. Facer unha análise dunha obra sen o contexto do pasado de seu pode ser un tanto estraño, pero éche así o conto. Porén, tentarei suplir esa carencia cunha simple idea: a dor que teño nos dedos despois de chegar cun pico á fin do mundo, ao interior da Terra.

Caín en SteamWorld Dig 2 pola Xbox Game Pass. Había que probar o sistema de subscrición de Microsoft e logo estrealo. É un título que chegou ás tendas hai case dous anos, en setembro de 2017, desenvolto por Image & Form Games. Ao falarmos de éxito e boa recepción, é imposible non conversar sobre o apoxeo dos metroidvania dentro do circuíto independente. Os exemplos son moitos nos últimos anos (Hollow Knight, Moonlighter, Dead Cells…), e o título que temos entre mans aposta por ese percorrido de escenarios na procura de segredos, melloras e, si, un amigo desaparecido.

Hai algo que atrapa no subsolo de SteamWorld Dig 2. Esa idea de seguir furando cara abaixo. Querer saber onde remata todo, ou onde comeza. A realidade é que non podemos negar que moitos temos unha atracción polo pico e a pa xa de nenos. Imos a praia e veña facer buracos, e veñas castelos, e veña area por alá… Lembro que de neno tratei de facer un buraco nunha das fincas da miña avoa. Seguindo os pasos de Bart Simpson, tentei ver canto podía perforar desa capa de terra e herba que tiña perante min. E cavei moito, xúrocho.  Logo o castigo tamén foi moito. O título de Image & Form Games permite, dalgún xeito, satisfacer esa curiosidade mineira. Esburacar aquí e alá, pasalo ben, deixar de lado as preocupacións e só pensar en chegarmos ao centro da terra e salvar a unha amizade. É algo digno. E sae ben.

A aventura combina momentos de acción de todo tipo, con mecánicas dos vellos plataformas 2D.

O vicio do pico

Fóra de toda dúbida, esta é unha aventura que convence e coa que custa saír ao escritorio. As horas pasan voando grazas a un sistema de mellora continuo. Pode ser este un dos seus maiores méritos: só hai que cavar, pero de cada vez facémolo mellor.

SteamWorld Dig 2 colle a fórmula habitual dos metroidvania pero aliñada con elementos RPG, onde a nosa personaxe, unha xenial robot chamada Dorothy, vai medrando en habilidades e arsenal. Empezamos cun pico, mais pronto teremos unha arma a distancia, un gancho e mesmo unha mochila propulsora. Trátase dunha suma constante e que, lonxe de amolar, séntese fresca, e anima a achar a seguinte habilidade que permita superar un obstáculo antes imposíbel.

A realidade é que a mecánica da obra, a de furar na terra, mantense ao longo de toda ela. Evoluciona, mellora; pero segue sendo coller o pico e esnaquizar o botón. E mola moito.

Detrás hai unha narrativa. Un plan no que conflúen terremotos misteriosos, unha aldea de mercadores, outra de mutantes no interior do mundo, un bosque misterioso, un templo cunha seita co lume por paixón e un amigo desaparecido en combate ao que temos que salvar dun destino fatal. O curioso de todo isto é que a pequena historia que conta SteamWorld Dig 2 chega a sorprender grazas a un par de xiros de guión que funcionan moi ben. Mesmo o final do xogo, amosado a través dunha serie de belas fotografías ten o seu aquel inesperado.

Claro que hai cousas que se vén vir; isto non é unha película de suspense, pero malia esa forma sinxela de contar as cousas, a narración convence e, sobre todo, fomenta o obxectivo principal da obra, que non é outra que ter unha boa escusa para poder seguir esburacando a terra.

No Machino podemos vender os minerais que consigamos no subsolo.

Os segredos, a perdición do cen por cen

As minas son un espazo perfecto para albergar segredos, tesouros e outros desexos. SteamWorld Dig 2 aproveita este feito e oculta unha chea de artefactos que agardan ser descubertos. A medida que avanza o xogo a súa procura pode ser máis sinxela, pero se non temos as habilidades concretas que remarquen posicións ou accesos ocultos requiren dun ollo clínico.

Achar artefactos ten a súa recompensa en forma de heliografías que poder cargar para mellorar a Dorothy e facer máis doada ou viva a aventura. Non é unha obriga usalas, pero xeran ese desexo de ver cal é o vindeiro premio e a súa función. Ao menos, non é só un coleccionismo absurdo, ten un obxectivo real ao que lle podemos dar un uso útil.

A maioría destes segredos están dentro de covas que funcionan como desafíos internos, separados do mundo principal; case como unha especie de Tomb Raider en 2D. Se morremos aquí, por exemplo, non voltaremos ao pobo, senón que poderemos repetir o traxecto interno da cova. Na práctica, dentro destas grutas, hai certas mecánicas que se moven entre os quebracabezas e as plataformas. Cada unha é diferente, e algunha supón un auténtico reto de habilidade.

Hai que recoñecer que non é esta unha aventura difícil ou demasiado esixente, senón que máis ben xoga coa avaricia do xogador: volvo e aseguro os tesouros que teño, ou sigo furando con pouca vida arriscándome ao descubrir máis mapa? Así é, morrer implica perder parte dos minerais que fomos collendo e que vendemos na superficie. Hai un sistema de tubaxes que permite as viaxes rápidas por todo o mundo, polo que esa idea de ter que volver á aldea a vender os recursos non é tan pesado como semella.

O certo é que os creadores do título souberon como evitar caer en aliteracións absurdas. No comezo do xogo as subidas á superficie son habituais: temos que cargar vida, auga e luz. Pero pronto, coas habilidades que achamos, estes problemas desaparecen e aportan unha sensación de mellora real; somos máis fortes.

Como é habitual neste tipo de xogos, segundo avancemos acharemos novas habilidades.

Monstros e medos

As profundidades do mundo teñen os seus habitantes, e non sempre teñen gana de ser amolados. O combate en SteamWorld Dig 2 non é algo moi elaborado, senón máis ben unha mecánica veloz que outorga experiencia e que debe ser solucionada de xeito áxil. Moitos dos inimigos derrotados desaparecen para sempre, polo que a súa morte é un trámite para andar polas galerías de maneira máis segura e veloz.

Non hai unha diversidade enorme de inimigos, pero abonda. Non vou mentir, pero oxalá puidera ter visto máis xefes finais. Os combates deste tipo están ben levados e son orixinais, aportan acción a unha aventura na que non é o elemento principal este, pero agradécese a súa presenza. Mesmo o último rival do título pode ter o seu aquel de dificultade se un non está polo labor de facer as cousas ben.

Do mesmo xeito, non todos os monstros poden ser derrotados, e haberá unha zona moi concreta onde pasaremos de ser uns profesionais do pico como arma a uns novatos tecnolóxicos. Aí non vale atacar, senón fuxir e pensar coa cabeza, tomando como referencia o sixilo e evitar o combate por todos os medios.

Fura e non pares

A aventura de Image & Form Games é grata e moi divertida. Non sempre se pode dicir. Lograr dar sentido a un mundo tan grande coma o creado non é doado, e menos aínda pensando en que é o xogador o que irá furando e facendo o camiño. É algo abraiante, pois o deseño logra que nunca quedes atrapado ou sen posibilidade de continuar. Semella unha parvada, pero é algo moi conseguido. Fagas o que fagas, abras o camiño que abras, sempre poderás volver ou, como mínimo, seguir furando. Imaxino que o testeo do xogo no seu día foi durísimo.

Paga a pena collermos o pico e comezar a usalo de novo. Non desesperes, sempre hai unha pedra que romper e un mineral que vender.

A historia que conta SteamWorld Dig 2 ten varios xiros inteligentes e moi agradecidos.

8.8

O mellor

  • Todas as súas mecánica son divertidas e moi logradas
  • Furar na terra convértese nun vicio perfecto
  • A historia é sinxela, pero sorprende cun final ben pensado
  • A boa cantidade de segredos e obxectos ocultos que ten

O peor

  • A duración, se non buscas obter o cen por cen, non é elevada
  • Oxalá ter máis xefes finais aos que poder derrotar
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.