Actualidade Street Fighter V renovado coa chegada de Gill e a Champion Edition

Street Fighter V renovado coa chegada de Gill e a Champion Edition

Esta fin de semana Street Fighter V estivo de celebración. Após as North American Regional Finals, Capcom amosou un tráiler de Gill, o xefe final de Street Fighter 3.

Finalmente, o xefe dos Illuminati únese ao cadro de personaxes xogábeis por primeira vez na saga, sabendo da excepción dun desbloqueábel no Street Fighter 3 Third Strike Online Edition. Mostra moitas similitudes co seu irmán Urien en movementos como a Knee Drop. Malia que  lamentablemente non resucita como na súa versión de xefe final, amosa mecánicas interesante como alterar dano de lume e xeo para estender os combos. Entre o seu arsenal tamén se viron dúas V-Skills que se compoñen duns proxectís en caída e un parry —movemento defensivo que permite vantaxe de frames logo de negar un ataque, normalmente require unha predición moi precisa—, sen dúbida, unha chiscadela aos xogos que lle deron orixe a este personaxe e por suposto ao intre mais famoso de Street Fighter 3 Third Strike, EVO Moment 37.

Os que coñezan Street Fighter V lles resultara curiosa a mención dunha segunda V-Skill, xa que coa actualización do xogo á Champion Edition todos os personaxes serán revigorizados con esta nova posibilidade na súa lista de movementos.

Tal como menciona Yoshinori Ono, productor executivo de Street Fighter en Capcom e practicamente o padriño dos xogos de loita de Capcom, Gill estará dispoñíbel o mes que vén, após a conclusión da Capcom Cup o día 15 de decembro, a Champion Edition será lanzada o 14 de febreiro de 2020.

Street Fighter V leva case catro anos de contido acumulado nas súas costas e poderíamos dicir que o estado actual do xogo amosa unha aparencia saudábel. Namentres esperamos impacientes a saída de Gill, convén lembrar que actualmente o xogo está en período de proba gratuíta para todos aqueles interesados en darlle unha oportunidade.