Análises Streets of Rage 4 :: As labazadas que tiñan de volver

Streets of Rage 4 :: As labazadas que tiñan de volver

Nos últimos anos do apoxeo das máquinas recreativas, recoñezo que as miñas moedas sempre ían parar nas másquinas que tiñan un beat’em up ou un Metal Slug; era así de doado. Os anos noventa foron unha lagoa inesgotábel de ledicia a través destas fontes de acción a prezo accesíbel; préstame lembralo así. Tendo isto en conta, non debería sorprender a inxección de felicidade que supón botar unha partida ao recentemente estreado Streets of Rage 4, nin tampouco o empuxón de nostalxia marabilloso que provoca. De esquerda a dereita, dun lado a outro da rúa; repartindo labazadas, xustiza a pé de rúa.

Falar de Streets of Rage é facelo dun capítulo indispensábel dentro dun xénero que ben se podería considerar extinto para as novas xeracións; ignorado, se un prefire un termo máis eufemístico. Si, podería un falar da súa evolución e dasúa  herdanza en xéneros como o hack & slash, incriblemente vivo e aínda con moito que cortar, pero sería afondar en augas que hoxe non corresponden. Curiosamente, no Patreon de Morcego pódese votar esta semana se este mes escribiremos sobre iso ou sobre outro tema.

Neste cuarto capítulo, un desenvolvemento a tres bandas que conta co beneplácito obrigado de SEGA, DotEmu, Lizardcube e Guard Crush Games elévanse como responsábeis dun proxecto que chega a bo porto 26 anos despois de ver a luz a última entrega da saga, porque aquí non se fala de reboot nin de remake, isto é unha continuación pura e dura, con todas as da lei, asumindo o seu pasado, dándolle unha nova vida pero lembrando os seus ensinos, namentres achega lixeiras innovacións.

Zosca primeiro, pregunta despois

A cousa é simple. Pasaron 10 anos na historia interna da franquía e o sindicato de Mr X desapareceu, mais os seus fillos, uns xemelgos de pelo branco, Mr e Mrs E, seguiron os pasos do seu proxenitor e queren tomar o control da cidade. Por suposto, isto obriga a Axel e Blaze a abandonar o retiro e a comezar a repartir sopapos por aí adiante. Cherry Hunter, a filla de Adam Hunter , e Floyd Iraia, aprendiz do Dr Zan, pechan o cadro inicial de protagonistas —pronto se une Adam—. Pouco máis que engadir, a historia esta feita.

Streets of Rage 4 non necesita xustificarse, non quere xiros de guión brillantes, non precisa profundar na alma de ningún protagonista ou vilán; quere divertir e conségueo; obxectivo cumprido. Todo se soluciona a base de labazadas, patadas e o uso limitado de obxectos punzantes ou metálicos que atopamos tirados polo chan, co evidente risco de infección que podería provocar o seu uso. Non importa.

O deseño artístico é acertado e brillante, todo un acerto.

Que hai de novo? As maiores novidades que un veterano podería atopar aquí pasan polas mecánicas de rebote —tanto de corpos como de obxectos—, máis importantes do que podería parecer á hora de manter combos case infinitos. Antes, os inimigos desaparecían da pantalla até que volvían andando a través do cadro; agora, rebotarán contra ese bordo ficticio, polo que poderemos seguir encadeando golpes. Atrapalos contra este linde invisíbel é sinónimo de malleira inmediata.

As armas tamén saen despedidas e podemos collelas no aire, o que permite recrear escenas de acción xeniais, propias do cinema de Jackie Chan, pero que sen dúbida persegue a idea de manter ese combo o máximo tempo posíbel, na procura dunha puntuación maior que permita desbloquear canto antes diversas recompensas en forma de novos loitadores.

Esta mecánica é combinada coa do movemento especial, que consome vida pero que podemos recuperar golpeando o inimigo, aínda que se este logra golpearnos perdemos a posibilidade de facelo. Todas estas novidades derivan nunha profundidade evidente de ir máis aló do zoscar por zoscar, procurando unha estratexia e unha atención á pantalla importante para pensar como imos golpear e a quen. É xenial e é o mellor incentivo para a rexogabilidade: facelo mellor que na partida anterior.

Por suposto, cada personaxe posúe os seus propios golpes e habilidades, son máis lentos ou máis rápidos, máis pesados ou máis equilibrados, o que abre un mundo de eleccións e estilos, sobre todo se xogamos en cooperativo. Este feito, o xogo en compañía, é case obrigatorio.

Mellor en compañía (coma sempre)

É certo que case calquera acción humana gana en diversión se se realiza con alguén ao noso carón. Meterse dentro dun contedor é unha acción que cun amigo sempre servirá, dalgún xeito específico, para buscarmos a graza fácil ou a anécdota estúpida. Streets of Rage 4, por sorte, é bastante máis divertido que asaltar un contedor, pero cumpre á perfección esa coñecido paradigma que di: mellor en compañía.

Xogar cun amigo esta nova entrega supón recuperar a idea do compañeirismo de rúa, do enfrontamento conxunto perante á pantalla, do premermos botóns xuntos en busca dunha estratexia efectiva: repartir as mazás que atopamos, usar as definitivas no momento adecuado, que un loite contra o xefe e outro contra os esbirros… O diálogo presencial ou virtual convértese nunha experiencia de combate chea de brincadeiras, de pura esencia old school.

Aquí entra a tecnoloxía actual, a posibilidade de atopar partidas en liña e unirse a elas. Hai varios niveis de dificultade, polo que a colaboración antóllase máis que necesaria segundo o escollido. Doutra banda, tamén hai varias formas de entrar en combate, existindo o modo ‘Arcade’ no que só contaremos cun crédito para finalizar o título —un bo reto, por se alguén o dubida—.

A historia vaise contando entre capítulo e capítulo, dacabalo entre a animación e o cómic.

Nostalxia e presente

Fóra de toda dúbida, o novo beat’em up funciona por si só, e non necesita dun coñecemento previo da franquía. Claro que os escenarios están cheos de referencias e ovos de pascua que poden non ser detectados polos profanos, pero son simples detalles, chiscadelas que fan máis coidada unha experiencia que funciona por méritos de seu.

E os peros? Hainos. A banda sonora, sen desmerecela, non supera a que ofrecían os xogos de Mega Drive e os seus 16 bits. É posíbel que aquí a nostalxia cegue o xuízo, pero algo había naquelas melodías que seducían o oído. Está á altura? Si, por que non, mesmo dá conta da súa importancia dentro da proposta da que forma parte grazas a uns responsábeis que souberon á perfección que tiñan entre mans. O tema do menú eleva o ánimo e achega a idea de pasalo ben, de que estamos perante a algo coñecido.

Streets of Rage 4 non falla no que propón, pero é certo que a súa propia dureza na xogabilidade pode non prestar aos xogadores que non tivesen antes algún tipo de conexión co xénero. As obras cambiaron, os títulos xóganse doutra forma. Quere dicir isto que as novas xeracións non valorarán a diversión proposta por este título? Non, haberá usuarios que si, pero é certo que se afasta da fórmula actual de acción e combate, recuperando fórmulas máis clásicas. É peor o cinema en branco e negro que o 3D? Non, pero hai espectadores que non se achegan a ese primeiro tipo por puros prexuízos audiovisuais.

Quizais por orzamento, quizais por falta de ideas, o punto máis fraco desta entrega é a evidente falta de inimigos no referente ao seu deseño. É posíbel xustificalo, pero oxalá existisen máis modelos dentro do xogo para non sentir que estamos a golpear as mesmas caras unha e outra vez. Ademais, os xefes tampouco se elevan como verdadeiros retos, nin sequera, salvo excepcións, son presentados como citas a lembrar pasados os cinco minutos. Están aí, pero non ofrecen unha personalidade arrebatadora ou mística.

Sexa como for, Streets of Rage 4 é un regreso marabilloso, a esencia pura dun xénero que un non sabe que bota de menos até que se atopa rindo, como había meses que non facía, cun amigo a través dos cascos, encadeando combos e asegurando o nivel. Vendo, ademais, o prezo de lanzamento —menos de trinta euros e incluído no Xbox Game Pass— e o esforzo evidente que fixo DotEmu e o resto de estudios implicados, o éxito da proposta non só debería ser obrigada, senón merecida.

8.2

O mellor

  • É case imposíbel non gozar coa súa proposta, multiplicando esta sensación xogalo en compañía
  • O engadido do modo en liña
  • O deseño de escenarios e personaxes xunto coa xenial banda sonora
  • Maior profundidade da que un podería pensar de inicio

O peor

  • A súa sinxeleza e duración (produto do xénero) pode non seducir o público actual
  • Oxalá unha variedade maior nos modelos inimigos
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] deste verán. Se aínda tendes dúbidas sobre se conseguir unha copia, é posíbel que a nosa análise de Streets of Rage 4 despexe todas a vosa […]