Streets of Rage 4 contará con edicións físicas en PS4, Xbox One e Nintendo Switch

Streets of Rage 4 contará con edicións físicas en PS4, Xbox One e Nintendo Switch

Labazadas, patadas e golpes na mandíbula; son algúns dos movementos do amplo repertorio de golpes que ofrece Streets of Rage 4, a nova entrega da clásica saga beat’em up que cegou a toda a comunidade de xogadores grazas á súa proposta xogábel. Agora, todo aquel que queira mercar unha copia física do título pode celebralo, xa que a editora independente Avance Discos farase cargo da súa distribución nas tendas españolas.

Dúas edicións estarán dispoñíbeis, ambas as dúas para PS4, Xbox One e Nintendo Switch. A edición normal contará co xogo, un chaveiro especial co logo do título e o libro de personaxes, todo iso por 34,99 euros, aínda que a versión para a consola de Nintendo chegará até os 39,99 euros.

Porén, o prato forte vén coa Signature Edition que, amais do xogo, inclúe unha portada reversíbel, caixa edición especial, libro de arte, chaveiro, cinco pins dos personaxes, unha lámina de arte numerada, a banda sonora en CD e a bandana de Axel. En total custará 54,99 eurosen PS4 e Xbox One, e en Nintendo Switch chegará até os 59,99 euros.

A falta dunha data concreta para o seu lanzamento, o único que sabemos é que aterrará nalgún momento deste verán. Se aínda tendes dúbidas sobre se conseguir unha copia, é posíbel que a nosa análise de Streets of Rage 4 despexe todas a vosa indecisión.

Estas serán as espectaculares edicións que chegarán ao noso territorio.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados