Actualidade Streets of Rage 4 presenta un adianto cheo de acción

Streets of Rage 4 presenta un adianto cheo de acción

A unión fai a forza. Iso deberon pensar desde as compañías Dotemu e Lizardcube, que presentaron un novo tráiler de Streets of Rage 4, un dos beat’em up máis lembrados da industria. Grazas á participación de SEGA, poderemos volver combater por todo o barrio en frenéticas pelexas e agora, grazas ao tráiler, podemos comprobar a calidade dos puños que repartiremos.

Nesta nova mostra, puidemos ver a Axel e Blaze, outra vez xuntos e totalmente dispostos a loitar con todo aquel que se lles interpoña. Os combos e movementos que teremos á nosa disposición locen espectaculares. Aínda por riba, o apartado artístico está totalmente renovado. O equipo encargado desta remodelación son os mesmos que participaron en Wonder Boy: The Dragon’s Trap, engadindo o seu sinal de identidade.

A base de golpes, teremos que ensinar quen manda no barrio.

Será o noso deber limpar as rúas de criminais e  maleante nesta cuarta entrega que pretende recuperar aos nostálxicos da saga e engadir ás novas xeracións. Ademais, poderemos xogar en modo cooperativo, así que xa sabedes: facervos canto antes cun compañeiro de pelexas. Streets of Rage 4 chegará ao longo deste 2019.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.