Studio Wildcard atrasa o lanzamento de ATLAS
Os creadores de ARK: Survival Evolved, Studio Wildcard, anunciaron durante os Game Awards 2018 a saída inminente do seu novo MMO, ATLAS, para esta mesma semana, pero finalmente haberá que esperar uns días máis para poder gozalo. Será lanzado, oficialmente, o 19 de decembro.
ATLAS é un título de piratas en primeira persoa que levará aos seus usuarios a un vasto mundo habitado por dragóns e outras criaturas de fantasía. Unha produción enorme na que os xogadores poderán xestionar as súas propias illas, partirse a cara en batallas navais multitudinarias e explorar cada recuncho dos diferentes territorios que compoñen o seu mapeado. Ata 40.000 persoas poderán xogar de forma simultánea.
De piratas vai a cousa
ATLAS súmase á temática de lobo de mar, tocada xa por Sea of Thieves, o último título de RARE. Aínda está por desembarcar, tamén, ao longo do 2019 o novo de Ubisoft Singapore, Skull & Bones, outra proposta multixogador de estilo máis realista.