Actualidade Subnautica: Below Zero xa permite mergullarse en  PC

Subnautica: Below Zero xa permite mergullarse en PC

A expansión de Subnautica, Below Zero, xa está dispoñible en PC a través das principais plataformas dixitais: Steam, Epic Store e Discord. Trátase iso si, dunha versión de acceso anticipado, e non da forma final que dentro dun tempo poderemos gozar. A través dunha nova peza audiovisual, Unknown Worlds, os seus creadores, quixeron celebrar o seu lanzamento.

Below Zero configúrase como unha expansión independente ao título orixinal. A acción transcorrerá na rexión xeada do planeta 4546 B, tralos eventos acontecidos no xogo principal. Subnautica é, a día de hoxe, un dos xogos máis valorados e queridos dentro do seu xénero, un título que soubo medrar e mellorar enormemente trala súa estrea en acceso anticipado. De novo, tocará volver explorar, obter recursos, craftear e sobrevivir nunha contorna perigosa e hostil.

Dende Unknown Worlds xa avisan do temperán estado de xestación no que se atopa a expansión. “Está cheo de erros, necesita axustes, non funciona ben e fáltanlle características. Ofrecémolo en acceso anticipado non para captar diñeiro, senón para captar opinións”, sinalan. Baixo as augas xeadas poderán acharse quenllas, criaturas abisais e todo tipo de formas de vida ás que sobrevivir.

A expansión preséntase como unha experiencia independente á do título orixinal.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.