Actualidade Sucker Punch revela o tempo que nos levará completar Ghost of Tsushima

Sucker Punch revela o tempo que nos levará completar Ghost of Tsushima

O pasado 14 de maio puidemos gozar do último State of Play, adicado en exclusiva a Ghost of Tsushima, a nova obra de Sucker Punch. Durante os 18 minutos de gameplay que se amosaron, puidemos comprobar algúns dos alicerces centrais do título, como a exploración, o sixilo ou o vasto mundo aberto que ten para percorrermos. Agora, xa coñecemos a duración estimada da nosa aventura grazas ás declaracións do director do xogo, Nate Fox. Entre 40 e 50 horas de partidas levará completar as aventuras de Jin Sakai, se somos un deses xogadores que realiza todas as misións secundarias dispoñíbeis.

Malia que se trata dunha duración estimada, Fox recomenda encarecidamente desviarse do roteiro principal e pescudar que nos agarda na illa de Tsushima, xa que hai moito por descubrir. Recentemente puidemos coñecer outros aspectos do xogo, como que morreremos con moita facilidade, pois poderemos chegar a ser eliminados dun só impacto, asegurando un combate desafiante.

Unha vez modificada a data orixinal de lanzamento por mor da crise do coronavirus, Ghost of Tsushima chegará finalmente o 17 de xullo en exclusiva a PS4 e ocupará un mínimo 50 GB na consola de Sony.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.