Suda 51 e Swery anuncian proxecto conxunto, Hotel Barcelona

Goichi ‘Suda 51’ (No More Heroes) e Hidetaka ‘Swery’ (Deadly Premonition) cumpriron cos rumores e anunciaron o seu compromiso laboral. Os dous creadores xaponeses están a deseñar un videoxogo de terror independente que levará por título Hotel Barcelona.
A parella, coñecida internacionalmente polos seus xogos diferentes e de calidade, contarán co apoio de Devolver Digital para unha distribución que se realizará en dispositivos móbiles, consolas e Google Stadia, aínda que non hai ningunha data marcada. O anuncio foi realizado durante o Travis Monday Nightro 2, unha retransmisión ofrecida por IGN Japan, onde xa se confirmara a súa participación.
O proxecto nace dunha semente plantada no 2018, intre no que os dous creadores decidiron realizar un videoxogo para PS VR, logo cancelado. Agora, co apoio da distribuidora americana, o obxectivo é crear un título sinxelo, simple de xogar, con toques de suspense e que podería ter similitudes coa obra de David Lynch e a terceira tempada de Twin Peaks, en palabaras de Goichi e Hidetaka. Iso si, xa aclararon que non ten por que ter como escenario a cidade condal.