Summer in Mara chegará en galego para Switch, PC e PS4

Summer in Mara chegará en galego para Switch, PC e PS4

Chibig Studio, os creadores de Deiland, xa teñen un novo proxecto entre mans. Chámase Summer in Mara e promete ser un título de exploración e mecánicas de granxa, ambientado nun arquipélago tropical. Sairá ao longo do 2019 para PlayStation 4, Nintendo Switch e PC (Steam).

A aventura, na que deberemos coidar da nosa illa e navegar polo océano para explorar todo o que rodea esta porción de terra, chegará traducida ao galego e ao valencià , entre outras oito linguas. Na pel de Koa, unha pequena aventureira que quere coñecer o mundo exterior, poderase pescar, cortar árbores, construír edificios ou cultivar a terra, engadindo así mecánicas de crafteo e easy-RPG.

O estudio valenciano presenta un título sinxelo pero fermoso a través das diferentes illas que poderemos visitar para así coñecer a unha chea de personaxes distintas, cada unha coa súa vida e as súas motivacións. Serán elas as que proporcionen ao Koa as pistas sobre os segredos que garda este mundo virtual, así coma os seus tesouros.

Inspirado na exploración de The Legend of Zelda: Wind Waker ou a granxa de Stardew Valley, engade a esa mestura o aspecto visual das obras de Studio Ghibli (A viaxe de Chihiro, O castelo ambulante…) e unha sensación perpetua de volta  ao verán da nosa infancia, onde todo era novo. Haberá ciclo de día e noite, así como eventos climáticos; contará con máis de 100 misións para facer do mundo un lugar mellor e máis de 130 obxectos para crear, usar e comerciar.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados