Actualidade Super Mario Maker 2 actualízase con Link e novos modo de xogo

Super Mario Maker 2 actualízase con Link e novos modo de xogo

Por sorpresa e de súpeto, Nintendo fixo pública a versión 2.0 de Super Mario Maker 2. O exclusivo de Nintendo Switch converteuse nun dos seus xogos máis vendidos e exitosos desde o seu lanzamento. Este 5 de decembro recibirá de balde un parche que ampliará a experiencia inicial da obra e que trae non poucas novidades.

A través dun vídeo duns cinco minutos, a marca da Gran N resume e explica todos os elementos que chegarán ao título este xoves. Non son poucos. Malia que non se especifica como tal, poderíase falar máis dunha expansión que dunha simple actualización. A continuación podes coñecer en formato audiovisual todas as sorpresas que inclúe a nova versión.

O Spike preséntase como un dos novos elementos a engadir aos nosos niveis. Trátase dun glotón de cor verde que lanzará bólas de petiscos. Estas bólas non son só un perigo evidente para o fontaneiro, senón que tamén serven para alterar o escenario debido ao seu enorme peso e comportamento. Tamén están as Pokey, esferas amarelas con petiscos superpostos unha encima da outra. Si, fan dano pero son débiles contra o lume. Falando deste elemento, as Moedas conxeladas tamén aterran nesta actualización, accesíbeis se son queimadas previamente.

Doutra banda, os Bloques P aparecen por primeira vez en Super Mario Maker. Sólidos e irrompíbeis aparecen durante un breve período de tempo se pisamos o interruptor adecuado. Tamén chegan os Bloques turbo, que habitaban o mundo de Super Mario 3D World. Serven para acelerar ao personaxe.

Novos modos e invitados

É, sen dúbida, unha das novidades máis rechamantes de todas as anunciadas. A Espada Mestra, de The Legend of Zelda, tamén estará dispoñíbel neste universo de Mario. Só ese poderá ver na aparencia de 8 bit, intre no que se poderá coller e transformar a Mario en Link. Si, en Link. O cambio vai máis aló da transformación estética, xa que aplicará efectos na xogabilidade, podendo utilizar a espada, o escudo, o arco, lanzar bombas… O protagonista de Zelda tamén poderá vivir as dificultades dos mundos creados polos usuarios.

Por último, mencionar a creación dun novo modo de xogo, o Contrarreloxo Ninji. Trátase dun esquema que permite loitar por un tempo limitado en niveis creados pola mesma Nintendo. É unha especie de competición time trial, na que tamén habitan as pantasmas doutros competidores. Completar estes niveis permite obter novos selos e traxes para o avatar.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *