Análises Super Smash Bros. Ultimate. Máis contido, maior diversión

Super Smash Bros. Ultimate. Máis contido, maior diversión

Por fin chegou o momento. Super Smash Bros. Ultimate, o lanzamento máis importante do ano para Nintendo Switch chega aos nosos fogares en forma de xogo de loita con decenas e ata centos de horas en combates, desbloqueables, música, cultura variada sobre videoxogos e sobre todo, moita, moita diversión.

 

 Contido por milleiros

Un cadro de setenta e catro loitadores, máis de cen escenarios entre os que hai algúns dinámicos que cambian no medio do combate, decenas de axudantes e obxectos, máis de mil espíritos primarios e secundarios, máis de oitocentos temas musicais das franquías máis importantes de Nintendo e outras como Castlevania, Street Fighter, Metal Gear Solid ou Final Fantasy, etc. O que máis chama a atención desta entrega de Super Smash Bros. é a cantidade inxente de contido implementado de lanzamento. Desbloquealo todo é opcional pero vaise facendo aos poucos, de forma moi dinámica e que en ningún caso obrígache a realizar tarefas aburridas para conseguilo, tan só xogar. Como nos vellos tempos.

O mundo de estrelas perdidas

Volve o Modo Aventura a este Smash e faino ao grande. Por unha banda temos un enorme taboleiro polo que movernos con diferentes escenarios e localizacións como bosques, montañas, volcáns e mesmo pequenas mazmorras con xefes finais. Ao longo dos distintos mapas debemos avanzar enfrontándonos a loitadores baixo condicións determinadas como pode ser que o chan do escenario estea electrificado ou che poida durmir, que o rival sexa xigante ou que simplemente teña algunha vantaxe sobre ti. En ningún caso é un combate máis para avanzar. A variedade de retos ofrece diversión constante mentres percorremos o taboleiro.

Durante este Modo Aventura podemos desbloquear tanto loitadores coma espíritos. Que son os espíritos? Esta é a outra gran novidade do modo para un xogador.

En Super Smash Bros. Ultimate engadiuse unha capa de rol á base xogable. Os chamados espíritos non son máis que potenciadores para a nosa personaxe. Temos os espíritos primarios que posúen poder de ataque e defensa que afecta as estatísticas do noso loitador, e os secundarios que poden anlazarse cos primarios e ofrecen determinadas vantaxes como inmunidade ao lume, aos vendavais, curación, etc… Se falabamos de que este xogo ten contido por milleiros non podemos evitar mencionar a existencia de máis de mil douscentos espíritos a desbloquear. Repito, mil douscentos espíritos coas súas características, melloras e estatísticas. De tolos.

Por suposto hai un número pequeno de espíritos realmente bos que sempre levarás equipados e os demais son case anecdóticos, pero en ningún caso resta interese pois aquí está o que quizá máis importante: cada espírito é un personaxe de videoxogos histórico. Unha enorme enciclopedia de protagonistas que apareceron en videoxogos ao longo dos anos, podendo atoparnos dende Akira, do mítico Virtua Fighter, a Chun-Li, de Street Fighter, pasando polo simpático Cranky Kong.

Este Modo Aventura é tan longo como o usuario queira, tanto para quen pense desbloquear todos os retos (algúns profundamente difíciles) como para quen simplemente queira ver o final. Aínda que a historia que conta é profundamente superficial, o seu interese reside en desbloquear aos poucos aos loitadores e facerse cos máis de mil douscentos espíritos mentres imos superando retos tan divertidos como complexos nalgúns casos.

Modo Arcade

Un xogo de loita sen Modo Arcade é como unha barca sen remos. Por moi enfocados ao multixogador en liña que estean os xogos hoxe en día sempre hai que deixar un oco para un xogador, e este modo cumpre excesivamente co que un agarda. Avanzamos ao longo de seis combates cunha fase  extra e un enfrontamento cun xefe final, tratando de conseguir a máxima puntuación e así desbloquear un precioso mural do xogo con todos os loitadores. Os combates adoitan ser temáticos. Por exemplo, se collemos a Incineroar como loitador teremos que enfrontarnos en escenarios con temática de loita libre exclusivamente pois esa é a característica da personaxe.

Modo en liña

Neste modo, o máis popular e usado, escasean as opcións. Aínda que podemos xogar segundo as regras que poñamos, os emparellamentos non sempre van rexerse por esas regras. Priorizará o que elixísemos, pero dará maior importancia a atopar rapidamente con quen xogar e non a que modo xogar. Non é un drama, xa que estamos a xogar deseguido, pero non gusta ter que xogar 1vs1 a vidas cando o que queres é outra cousa.

En canto a rendemento, aínda que se produciron moitas queixas pola baixa calidade do servizo entre a comunidade, especialmente falando de lag, retardacións, etc… No meu caso foi unha experiencia case perfecta. Apenas tiven algunha retardación en casos moi puntuais.

Desbloqueables, interface e a graza de coleccionar

Contido, contido e máis contido. Iso caracteriza ao que posiblemente sexa o xogo de loita máis completo de todos os tempos e o mellor Super Smash Bros. de todos, sen ningunha dúbida. Música, repeticións, desafíos, consellos, tenda, etc. poderían facer un conxunto de contido tan grande e mesturado no que o xogador puidera perderse, pero as interfaces deste título son excelentes. Cunha orde magnífica na que podes atopar calquera cousa que busques de forma sinxela. Persoalmente, valoro moitísimo isto.

Facendo fincapé na sección de música. Na enorme, titánica e desmesurada sección musical podemos atopar máis de 800 temas (moitos hai que desbloquealos xogando) das maiores sagas de Nintendo como The Legend of Zelda, Donkey Kong, Fire Emblem, entre outras, e aquelas que fan aparición neste título como Castlevania, Street Fighter ou Final Fantasy. Pero, quen vai querer poñer música na pantalla do seu televisor? O certo é que un pode escoitar toda esta sección musical coa consola en modo repouso, coma se dunha tableta se tratase. Magnífico. Resulta nun exercicio de cultura musical sobre videoxogos.

Super Smash Bros. Ultimate é unha incrible obra de esforzo e agarimo cara unha saga e cara os seus xogadores. Algo máis que un xogo. Accesible para os que chegan novos e confortable para os veteranos. Un imprescindible en Nintendo Switch que chegou este Nadal para repartir hostias coma pans entre agasallos e uvas.

9.7

O mellor

  • Horas e horas de contido tanto para o modo de un xogador como multixogador
  • Divertido até dicir basta co caos que se pode xerar en cada partida
  • Moitos modos de xogo onde elixir
  • Enorme elenco de loitadores xogables
  • Accesible para novos xogadores e á vez profundo para os máis competitivos

O peor

  • Non hai un compendio para ensinar aos xogadores quen son os personaxes que aparecen como espíritos
  • Algúns retos do modo aventura son inxustamente difíciles
Ismael Vidal

Músico e profesor. Apasionado dos JRPG e namorado de buscar cómics antigos en tendas esquecidas