Actualidade Supergiant Games tenta arranxar a polémica coa tradución de Hades

Supergiant Games tenta arranxar a polémica coa tradución de Hades

Hades (2020) é un título xenial, non hai dúbida, pero desde o seu lanzamento oficial, a tradución e localización ao castelán foi obxecto de diversas críticas ao verse incompleta, amais de errada en certos diálogos e descricións. Non é isto unha novidade, o certo é que as mensaxes en redes sociais como Twitter sobre o tema foron habituais desde a estrea. Un par de exemplos:

Os erros son variados e van desde signos de puntuación inexistentes, bailes de letras, erros gramaticais ou oracións mal formuladas. Non ocorre sempre, nin en todos os cadros, pero non é difícil dar con algún. O asunto da mala localización tomou forza nas últimas horas —a obra xa leva varios meses no mercado—, o que fixo que Supergiant Games tentara xustificalo.

O equipo do xogo afirmou que dentro do desenvolvemento contaba con tradutores profesionais, pero tamén solicitou a axuda da comunidade para finalizar o proceso, xuntando o traballo duns e outros. A típica combinación que acaba nun resultado moi irregular.  Supergiant Games sinala que xa está en marcha unha actualización que promete corrixir todos estes fallos na tradución ao castelán e estará dispoñible para descargar máis pronto que tarde.

Emporiso, as críticas cara á nula remuneración desas traducións amateur non tardaron en chegar, poñendo de novo o debate sobre a mesa de se unha compañía como Supergiant Games debe fomentar ese tipo de prácticas de colaboración na procura dun aforro no orzamento, diminuíndo a calidade final da obra ao non contaren cun traballo profesional e experimentado detrás que controle o resultado.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.