Switch actualiza o seu firmware e mellora a xestión das partidas gardadas na nube
Nintendo continúa mellorando o firmware de Nintendo Switch. A versión 11.0.0 está xa dispoñible para a súa descarga e ofrece algunhas novidades bastante interesantes. A súa descarga é gratuíta, por suposto.
A nova actualización trae consigo unha nova icona de Nintendo Switch Online que se engadiu á bandexa inferior do menú principal. Bastante útil, a verdade, xa que agrupa nun mesmo cerco todas as funcións asociadas á subscrición de pago, que van desde os títulos de NES ou SNES, até os accesos directos ás ofertas exclusivas para os rexistrados desta plataforma, pasando polas partidas gardadas na nube.
No ámbito social, tamén poderemos ver que xogos son os máis populares entre os nosos contactos. Tamén apareceron un bo número de avatares novos, coa celebración do 35 aniversario do fontaneiro de Nintendo como base. Doutra banda, incorporouse a posibilidade de priorizar descargas cando tes varias activas ao mesmo tempo ou poñer nomes personalizados ás configuracións de botóns.
Sexa como for, é posible que a mellora máis importante sexa a de automatizar a descarga de partidas gardadas na nube, un asunto bastante interesante cando tes varias consolas. Ao activarmos esta nova opción, as partidas novas que se soben á nube serán descargadas nas consolas onde o usuario teña habilitado o título. É dicir, se tes unha Switch normal e unha Lite, por exemplo, seguramente lle saques bastante partido. Iso si, o funcionamento pode ser automático, mais hai que ter polo menos un arquivo gardado na máquina, polo que a primeira vez terás que descargar as partidas de xeito manual.
Foron engadidas tamén novas opcións para compartir capturas e vídeos. Unha é inalámbrica e outra mediante cable USB, onde enchufas a consola ao computador e vas copiando e pegando o que precises. Non é tan refinado como o sistema sen cables, pero si máis rápido.