Sword of the Necromancer, o ARPG catalán que supera os 200.000 euros en Kickstarter
Outra obra cociñada en Kickstarter que acaba con éxito dentro da Península. Sword of the Necromancer vén de pechar a súa campaña de Kickstarter con 201.526 euros recadados; a súa meta inicial era de 15.000. Trátase dunha cifra asombrosa, lograda grazas á achega de máis de 5.500 patrocinadores. Previsto para 2020, é posíbel engadilo xa á lista de desexados de Steam. Defínese como un Action RPG con elementos rogue-like. Detrás da súa creación atópanse os estudos barceloneses JanduSoft e Grimorio of Game.
«Converte os teus inimigos en aliados usando os poderes prohibidos da Espada do Nigromante e axuda a Tama a alcanzar as profundidades do alxube para obter suficiente poder para traer a Koko de entre os mortos», reza a descrición do xogo. Dentro dos seus referentes aparecen distintas obras, como Enter the Gungeon ou A Link to the Past. Paga a pena dicir, que o futuro título contará cunha tradución ao galego.
WE DID IT!!!!
Thank you everyone, thanks for backing us! Now we have lots of work to do, but it will be nothing knowing that we have your support!And thanks @JanduSoft for all they have done with this campaign! pic.twitter.com/SN1Fbah8KC
— Grimorio of Games – Sword of the Necromancer (@GrimorioG) May 8, 2020
Sword of the Necromancer finalizou a súa campaña como a quinta máis exitosa dentro da industria española. Só Summer in Mara, Blasphemous, Temtem e Monster Prom 2: Holiday Season recadaron máis durante os seus Kickstarter. Paga a pena lembrar que a obra galega The Waylanders ocupa a sétima posición.




