Actualidade Take-Two merca Zynga por 12.700 millóns de dólares e faise co trono dos títulos para dispositivos móbiles

Take-Two merca Zynga por 12.700 millóns de dólares e faise co trono dos títulos para dispositivos móbiles

O ano 2022 comeza cunha noticia de enorme calibre para a industria —que aínda non viu rematar o seu ano fiscal— derivada da compra de Zynga por parte de Take-Two. É un movemento colosal, que lle custa á empresa propietaria de Rockstar ou 2K Games a friorenta cifra de 12.700 millóns de dólares —merece a pena velo escrito: 12.700.000.000 de euros—. Por comparar con algún outro movemento similar, Bethesda custoulle a Microsoft case a metade, 7.500 millóns.

Zynga é unha das compañías máis potentes dentro do mercado móbil de videoxogos e agora Take-Two é a súa dona de xeito total. Comprou todas as accións, a 9,86 euros cada unha. Strauss Zelnick, presidente e director executivo de Take-Two, valorou da seguinte forma dita compra:

«Estamos encantados de anunciar a nosa transacción transformadora con Zynga, que diversifica significativamente o noso negocio e establece a nosa posición de liderado en dispositivos móbiles, o segmento de más rápido crecimiento da industria do entretemento interactivo»

Sen dúbida, estamos perante un dos movementos máis potentes, no sentido económico, do ano e, si, claro, da historia do videoxogo. Ademais, pon de manifesto a importancia absoluta do mercado móbil, en constante crecemento e evolución. Zynga estaba —e está, en certo sentido— detrás de obras e franquías como CSR Racing, Empires & Puzzles, FarmVille, Golf Rival ou Hair Challenge.

A compra fai que 3.000 empregados de Zynga cambien de xefes, pasando a depender de maneira última da directiva actual de Take-Two, que se ampliará a 10 membros coa incorporación de dous representantes da compañía de xogos móbiles.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.