Tales of Arise atrásase de xeito indefinido por mor do coronavirus

Bandai Namco vén de facer público que Tales of Arise non sairá este ano. A nova entrega desta coñecida franquía apareceu no E3 do ano pasado durante a conferencia de Microsoft e desde aquel intre non se soubo nada máis sobre o xogo.
Yusuke Tomizawa, produtor do xogo, asegura que o equipo confrontou diversas dificultades derivadas do coronavirus, o que fixo que a decisión de atrasar o lanzamento sexa unha obriga non desexada. Amais disto, os responsábeis do JRPG non puideron asegurar ou confirmar ningunha xanela de lanzamento concreta.
Sexa como for, o estudio detrás do proxecto agradeceu o apoio dos seus seguidores e sinalan que manteñen unha motivación plena para seguir co traballo. Tales of Arise está en desenvolvemento para PC, PS4 e Xbox One.