Reportaxes Tardes na casa :: Quince xogos curtos para rematar nun día

Tardes na casa :: Quince xogos curtos para rematar nun día

Sempre é mellor ter algunhas ideas na lista de tarefas pendentes. De seguro tees na túa biblioteca unhas cantas obras que aínda están por xogar, pero polo si ou polo non, vai a continuación unha lista de quince títulos que se poden xogar nunha tarde —ou un chisco máis—. Sen orde lóxica alén do tema alfabético, quixemos facer unha listaxe ecléctica, cun pouco de todo dentro das posibilidades de seren obras dunha duración curta, ideais para ver o seu principio e o seu final ao longo dun día. Non hai corentena aburrida, e menos se cada día hai unha nova aventura que comezar. Queda na casa.

A Way Out

O bo desta aposta de Electronic Arts, amais de saír un chisco do seu camiño habitual como editora, é que debe ser xogada en parella. Non hai outro xeito. É unha aventura cooperativa onde cada membro do dúo protagonista será controlado por un usuario diferente e vivirá a historia desde ese punto de vista. A súa duración está estimada nunhas seis horas, malia que se pode completar en algo menos. De aspecto cinematográfico, é difícil saír decepcionado da súa narrativa; dá xusto o que promete.

Abzu 

Unha viaxe fantástica creada por un equipo de artistas e deseñadores que xa antes traballaran en proxectos de enorme beleza como Flower ou Journey. O fondo do mar ao alcance do mando, dunha maneira que é difícil describir, e que sen dúbida é moito mellor vivir, ao ser esta unha experiencia persoal absoluta, dun par de horas de duración. Non busques un reto, é simplemente un paseo marítimo; ora ben, exquisito.

Firewatch

Xoia independente que conta a historia de Henry, un home que decide pasar un verán illado grazas a un traballo como garda forestal. Pronto a narración adquirirá un ton máis escuro e denso. Toma esa base das películas interactivas pero chega a un nivel moi superior, onde o xogador é dono real das accións, desenvolvendo unha aventura de seu, da que tamén se extrae un apartado visual fantástico.

No 2016, Firewatch apareceu en moitas e diversas listas como un dos títulos do ano. Non é para menos.

GRIS

Con sinatura barcelonesa. GRIS converteuse nun dos últimos fenómenos internacionais saídos da península. O seu estilo visual, obra de Conrad Roset, foi mil veces posto polas nubes. Coa sinxeleza como base, o xogo de Nomada Studio narra unha viaxe intimista cara ao fondo da alma, cara á súa tristeza, soidade e inquietudes. Todo iso, claro, dun xeito simbólico e belo, combinando quebracabezas e plataformas.

Hotline Miami

Un frenesí inesperado. O primeiro contacto con esta escola, porque Hotline Miami xa é unha escola, é brutal. Acción, violencia, máscaras de animais, vista cenital, pixel-art; unha mestura orixinal e tremenda que se transforma nun vicio absoluto até que finalmente remata. Mención especial á súa banda sonora, narración e capacidade para liberar adrenalina a través da pantalla. Non é apto para todos os públicos.

Journey

Xa foi mencionado, pero sería imposíbel confeccionar unha lista deste tipo e non contar coa súa presenza absoluta. A estas alturas da vida, Journey colocouse como un dos títulos independentes máis recoñecidos do medio, un clásico absoluto onde a pregunta de se un videoxogo pode ser arte queda máis que resolta e satisfeita. Un camiño marabilloso que percorrer e inesquecíbel.

Indispensábel para entender o fenómeno do xogo independente e o seu valor en todo o mundo, así é Journey.

Little Nightmares

Unha proposta que une plataformas e quebracabezas cunha estética moi Burtoniana. As súas imaxes son curiosamente estrañas e grotescas por momentos. Non busca poñer ao xogador en problemas reais, senón en permitir o seu avance dunha maneira lóxica e apracíbel por un mundo escuro e sombrizo, pero encantador. Ollo, que fronte a esa sinxeleza non significa que os crebacabezas sexan malos, todo o contrario contrario, sorprenden polo seu conseguido deseño e elaboración; é divertido sacalos adiante. Curto pero intenso.

Metal Slug

Unha serie longa, con diversas entregas que se atopan espalladas por non poucas plataformas. Sexa como for, a acción retro de calquera dos seus primeiros capítulos mantense hoxe divertida e fresca. Só hai que disparar, esquivar e avanzar; un esquema tan sinxelo como eficaz que realmente se mantivo case inalterábel para o xénero shooter. Por se estás pensando neste dato: a súa primeira aparición aconteceu no ano 1996. Si, a saga está a piques de cumprir o cuarto de século.

Minit

É posíbel acabarse un xogo en 60 segundos? Esa é a idea de Minit, aínda que con certa trampa na súa formulación, buscando que cada vez que reiniciemos a partida logremos dar un paso cara a ese obxectivo que simula lonxe e imposíbel. Clásico moderno, que toma unha idea xa utilizada no pasado pero que consegue xestionala con agarimo e de maneira moi orgánica.

Minit é esa fermosa combinación entre orixinalidade e deseño, formulación e xogabilidade.

Monument Valley

Como xogo de móbil foi máis que laureado e aplaudido. Unha demostración empírica de que o formato máis desprezado polos que reparten o carné de xogadores ou gamers —e iso que é o máis lucrativo— é tamén un lugar para obras xeniais, de todo tipo. O xogo, publicado por Ustwo  Games, preséntase a través dunha serie de quebracabezas baseados nos cadros de escaleiras de Escher. Por se quedas con gana de máis, tes tamén dispoñíbel unha segunda parte.

Portal

En pleno 2020 é difícil achar alguén que non teña Portal e a súa continuación na biblioteca de xogos de Steam, pero, polo si ou polo non, aquí queda de novo recomendado. No Olimpo non só dos xogos de quebracabezas, senón dos videoxogos, a obra de Valve é unha das máis influentes desta lista, quizais a que máis. Quen non quixo a pistola de portais algunha vez?

The Stanley Parable

Moito se lle debe a este título no referente a evolución, legado e inspiración. Apareceu por sorpresa, como esa tormenta estival que un non agarda pero que acaba por empapar e mesmo asolagar todo o pobo. É unha obra única e xenuína, pode que mesmo complicado para certo público que non procure usar demasiado a cabeza. Se queres algo diferente, esta é a túa opción. Non busques o seu argumento. Xógao e xa.

Por que The Stanley Parable é fundamental dentro do medio? Deberás xogalo.

Super Mario Bros.

Clásico dee sempre e para sempre. Lembrábalo moi longo? O certo é que é un título que se pode rematar en media hora, pero tamén en bastante menos. O primeiro xogo do fontaneiro vermello marcou un antes e un despois dentro da industria, tanto polo seu nivel de deseño e narración, como polo seu éxito masivo de vendas. Sería difícil comprender o que hoxe somos sen Super Mario Bros. Volver a el nunca está de máis, e se tes unha Nintendo Switch coa súa Online, xa estaría feito.

Vanquish

Un xogo que no seu día tivo unha acollida un tanto irregular. Aquí sempre será defendido. Platinum Games creou un título de acción e disparos frenético, pero que foi xusto a súa curta duración o que lle reportou certas críticas. Quizais o problema sexa ver isto como un punto negativo. Se o que buscas é xustamente algo curto e intenso, Vanquish pode ser ese concepto que estabas a buscar. Pura xogabilidade, acción sublimada na pantalla e unha gana colosal de seguir disparando unha vez finaliza.

What Remains of Edith Finch

Outra obra onde o minimalismo na xogabilidade xoga ao seu favor. Unha narración brillante que fala dunha familia perseguida pola morte, á que coñecemos a través dos seus membros e os seus últimos minutos. What Remains of Edith Finch é unha fantasía colosal, un paso adiante para o medio e un imprescindíbel que todo o mundo debería probar —e tendo en conta a súa duración, terminar— . A acción aquí non vai de disparos, senón de emocións directas á cabeza e ao corazón, sen a necesidade de caer no doado ou a mágoa evidente.

Este artigo foi posbíbel grazas a Alita Comics, librería especializada con dúas tendas na Coruña e unha en Compostela. Podes coñecelos facendo clic na imaxe.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.