Telltale desenvolverá todos os episodios dos seus xogos antes de lanzar o primeiro

O dramático peche de Telltale Games o pasado ano foi un xerro de auga fría para un bo número de amantes das aventuras narrativas. A súa resurrección fíxose efectiva meses despois, malia que está por ver se o seu funcionamento é tan correcto como debería, amais de conseguir manter o nivel que outrora lograron algunhas das súas series. Polo momento, unha evidente mudanza no sistema de traballo xa se fixo pública.
«O importante é que xa non traballaremos episodio a episodio, todo estará listo antes de que o primeiro capítulo chegue ás tendas», explicou a Game Daily Jamie Ottilie, director executivo do estudio. A idea de vender e editar por episodios segue presente, pero o modelo de negocio e explotación semella que quere ser traballado todo dunha.
En outras liñas, Ottilie tamén sinala que non pensan caer nos erros da antiga Telltale, e asegura que se está a construír un equipo pequeno e talentoso, con ideas claras, que buscará apoio noutros estudios e outros traballadores segundo que proxectos. Esta afirmación encaixa coa idea de traballar con algúns dos antigos empregados da compañía, pero como autónomos.
O vindeiro proxecto a publicar, amosado durante os Game Awards, será The Wolf Among Us 2, un título para o que contarán con AdHoc Studio, formado por antigos creativos de Telltale Games.