Actualidade Tencent realiza unha inversión de capital en Platinum Games

Tencent realiza unha inversión de capital en Platinum Games

Trátase dunha das primeiras grandes novas do ano. Hai unhas horas, Platinum Games anunciaba que o xigante chinés Tencent decidía realizar unha inversión de capital ao estudio xaponés responsábel de obras altamente recoñecidas como Bayonetta, Vanquish ou NieR: Automata.

Kenichi Sato, presidente do estudio, móstrase confiado e positivo con este acordo, que define como unha acción na prorcura de «fortalecer» a empresa. Alén do investimento que vén de realizar Tencent e que recolle o comunicado oficial, Sato explica que «este acordo non ten efecto algún» na súa independencia como estudio e, de feito, continuaremos as operacións baixo a actual estrutura corporativa.

É descoñecida a cantidade total de cartos que desembolsou o xigante chinés, mais é moi probábel que se trate dunha cifra relevante. Platinum Games explica que explorará a posibilidade da autopublicación, amais de buscar unha perspectiva máis global namentres crean xogos de calidade, fieis ao seu nome.

Na práctica, este movemento de Tencent enmárcase dentro da súa política de expansión. Unha partida de xadrez empresarial que leva xa varios anos en marcha e que lle permitiu á empresa chinesa estar detrás de decenas de estudios e empresas ao longo de todo o mundo. Na actualidade, domina por completo o mercado da súa rexión e non oculta as intencións de asaltar Occidente. Riot ou Epic son só dous dos nomes que xa reciben a súa influencia.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.