Actualidade Tencent quere mercar Funcom, estudio que traballa nun xogo de Dune

Tencent quere mercar Funcom, estudio que traballa nun xogo de Dune

O xigante chinés xa adquirira en outubro o 29 % de Funcom, pero vén de facer un all in de libro. Quéreo todo. Tencent fixo pública nas últimas horas unha oferta de compra polo estudio responsábel de Conan Exiles e Age of Conan próxima aos 148 millóns de dólares. A pelota está agora no tellado dos accionistas.

É máis que probábel que este movemento empresarial teña moito que ver coa licenza que manexa Funcom, Dune. A lendaria obra de ciencia ficción Frank Herbert estaría a ser condensada nun título de mundo aberto grazas a Funcom. Podería ser este xa un motivo válido para querer adquirir todo o estudio, pero os boletos multiplícanse se temos en conta que este ano debería ver a luz unha nova adaptación cinematográfica do libro grazas a Denis Villeneuve (Blade Runner 2049, Arrival, Sicario).

As primeiras imaxes que o director mostrou a uns poucos afortunados falan dun logro impresionante para a sétima arte, que ben podería acabar sendo un novo fenómeno de masas tipo O Señor dos Aneis ou Star Wars. É pronto para as afirmacións deste tipo, pero quizais sexa suficiente para Tencent, que quere ter o control total do estudio.

Os chineses ofrecen aos accionistas un 27,3 % máis por acción do prezo de Funcom ao 21 de xaneiro. Por suposto, poden aceptar ou rexeitar a oferta, que se estima materializarase en febreiro. O consello de administración e de supervisión decidiu unanimemente recomendar aos accionistas que a acepten.

«Temos unha gran relación con Tencent como o noso maior accionista e estamos emocionados con esta oportunidade», dixo o director executivo de Funcom, Rui Casais. «Continuaremos desenvolvendo grandes xogos que goce a xente de todo o mundo, e cremos que o apoio de Tencent levará a Funcom ao próximo nivel». A empresa tamén confirmou que seguirá apoiando os seus actuais proxectos, a saber: Conan Exiles, Secret World Legends, Age of Conan e Anarchy Online.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.