Actualidade Terry Bogard golpea duro no Super Smash Bros. Ultimate

Terry Bogard golpea duro no Super Smash Bros. Ultimate

Revelada meses atrás, a presenza de Terry Bogard en Super Smash Bros. Ultimate é toda unha homenaxe ao xénero dos xogos de loita. Desde o 6 de novembro, o personaxe de Fatal Fury e King of Fighters reparte golpes no título de Nintendo, convertido desde hai uns días na obra máis exitosa do seu xénero.

O lobo de South Town trae consigo as siglas de SNK e funciona como un xenial embaixador do pasado que non poucos vivimos premendo coma tolos botóns. A súa aterraxe revélase como o encontro cun vello coñecido ao conservar as súas técnicas máis coñecidas e posuír algunha que outra versión mellorada das mesmas. Que movementos posúe? A continuación podes descubrilos:

  • Power Wave (smash normal) é un proxectil que vai preto do chan, capaz de varrer calquera inimigo ao seu paso. Pódese executar tamén no aire
  • Burn Knuckle (smash lateral de fronte) un asalto ofensivo que avanza unha distancia bastante agradecida polo prezo dun tempo de carga notorio
  • Rising Tackle (smash cara a arriba) rompe cos conceptos clásicos dos ataques anti-aéreos ofrecendo unha potente patada xiratoria en ascenso
  • Power Dunk (smash cara a abaixo) é un potente asalto aéreo que arrinca cun salto e finaliza cun golpe contra o chan en forma de arco
  • Crack Shoot (smash lateral cara a atrás) de Terry é un salto con xiro que pecha cunha patada cun esquema de martelo

Aspecto de Kirby si absorbe a Terry.

Trátase de ataques poderosos pero que tamén contan con puntos débiles, xa que varios deles deixan o mítico loitador exposto a posíbeis contraataques. Como característica extra, se Terry recibe máis do 100 % de dano poderá executar os seus movementos definitivos, os cales usan os mesmos comandos que nas recreativas de Fatal Fury e The King of Fighters. Gran detalle.

O seu Smash Final, como non podía ser doutro xeito, é o colosal Triple Geiser, que enche o escenario cunha tripla barreira que se desprega cara a adiante e límpa o lugar de inimigos. Amais disto, se é executado adecuadamente, Terry concluirá o seu Smash Final co devastador Buster Wolf, unha temíbel carga frontal de enerxía.

E se Kirby absorbe o personaxe de SNK? Gañará, amais dunha gorra e unhas luvas, o movemento Power Wave.

Un escenario á altura

Seguindo a tradición, Terry chegará cun escenario de seu, ambientando no clásico escenario final da saga The King of Fighters, a saber, un estadio cheo de público e un enorme monitor que retransmite cada acción. Nel, poderemos ver a diferentes figuras míticas de diversas sagas:

  • Da saga Fatal Fury veremos a Andy Bogard, Joe Higashi, Tung Fu Rue, Geese Howard, Blue Mary, Rock Howard, Kim Kampwan, Billy kane ou Ryuji Yamazaki.
  • Da saga The King of Fighters poderemos ver a Athena, Kyo, Iori, Goro Daimon, e a parella de delincuentes Chang e Choi,
  • De Ikari Warriors están Ralf e Clark cos seus traxes de the King of Fighters
  • Da saga Art of Fighting teremos a Ryo, King e Yuri

Non hai que esquecer que o xogo tamén se actualizou á versión 6.0, engadindo novas funcións sociais, como a posibilidade de enviar mensaxes de texto predefinido dentro da sala, ou cambiar as regras os xogadores que fagan de anfitrións. Ademais, se unha partida é pública e non ten contrasinal calquera poderá unirse, facilitando así a loita contra novos adversarios.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.